Menú principal de Geo Crítica                                                                                     Volver al Índice de Biblio 3W
 
Biblio 3W
REVISTA BIBLIOGRÁFICA DE GEOGRAFÍA Y CIENCIAS SOCIALES
Universidad de Barcelona
ISSN: 1138-9796. Depósito Legal: B. 21.742-98
Nº 295, 11 de junio de 2001

FERRÁS SEXTO, Carlos. Cambio rural na Europa Atlántica. Os casos de Irlanda e Galicia (1970-1990). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Univerdidade de Santiago de Compostela. 1996

X. Carlos Macía Arce
Doctorando Xeografía
Becario de Investigación en el Instituto de Estudios y Desarrollo de Galicia
Universidade de Santiago de Compostela


Palabras clave: cambio rural/ Galicia/ Irlanda, contraurbanización

Key words: rural change/ Galicia/ Ireland, counterurbanization


A obra de Carlos Ferrás introduce un novo xeito de traballo pouco empregado por xeógrafos españois, ó confeccionar unha metodoloxía rexional comparada que non se reduce á elaborar cálculos e estadísticas representados en series de táboas e gráficos; senón que partindo desta base e fundamentándose nunha amplia bibliografía, propón un modelo que alcanza a averiguar as causas e consecuencias dos distintos fenómenos que analiza dentro dun marco de estudio internacional. Nesta ocasión, a comparación vincula a dúas rexións da Europa Atlántica: Galicia e Irlanda. Unha extensa área do occidente europeo que presenta distintos signos económicos, pero que nos casos de Galicia e Irlanda a similitude fainas comparables, e non só por esta cuestión senón por outras moitas comúns que lles da uniformidade como: 1. Un clima oceánico húmedo, 2. Tonalidades verdes, 3. Vexetación afín, 4. Malas comunicacións pola súa posición no finisterrae atlántico, 5. Permanecer durante séculos nunha economía rural ó marxen das transformacións europeas, 6. Unha poboación urbana reducida, e poboamento disperso, 7. Tradición emigratoria, 8. Acollerse ó desenrolo do continente europeo nas derradeiras tres décadas, e con elo presentar síntomas de suburbanización e contraurbanización, dous fenómenos usuales en rexións desenroladas cando a tendencia migratoria campo-cidade xira a un segundo signo contrario , cidade-campo.

Precisamente, o análisis de estos dous fenómenos constituen o obxetivo do libro. Dous fenómenos que en términos positivos traen desconcentración no territorio e contribuen ó crecemento rexional equilibrado en espacios próximos ás cidades (suburbanización) e en áreas rurais apartadas das aglomeracións urbanas (contraurbanización). Negativamente provocan un detrioro ambiental e aumentan os costes económicos e sociais.

Sabedor da dificuldade de comparar minuciosamente espacios de dimensións considerables, opta por dirixir a investigación en dúas áreas concretas:

  1. O condado de Cork, composto de 325 condados menores denominados DED (district electoral division).
  2. A provincia de A Coruña, dividida en 94 concellos.
Pormenrizadamente, céntrase en oito núcleos (catro irlandeses e catro galegos) nos que tanto a suburbanización coma a contraurbanización son visibles. Para o primeiro caso atopámonos con concellos de Ames, Fene, Carrigaline e Carrigtowhill; e para o segundo con Tordoia, Melide, Rahan e Clonakilty Rural. Apoiándose en moi variadas fontes, xa que trátase de núcleos pertencentes a distintas administracións, indaga para coñecer os impactos demográficos, socioeconómicos e urbanísticos, desenrolados nas décadas dos 70 e 80; evaluando as políticas de planificación e averiguando por qué e cómo tmudan as comunidades residentes.

Fundamenta as teorías do declive urbano e o renascemento rural, fenómeno que iniciase nos Estados Unidos e despois en Gran bretaña, e que non alcanza a España até a chegada dos 80. Para Galicia a chegada é máis tardía, como recollen Precedo Ledo e Souto González en estudios sobre as áreas metropolitanas en Vigo e A Coruña Un declive que orixinouse nos 70 por causas económicas (pásase dunha producción de bens a unha economía de servicios), sociais, e políticas; coma consecuencia da entrada nunha sociedade de tipo Post-Industrial e a chegada da III Revolución Tecnolóxica, ligada ó mundo da información e as comunicacións. A recesión demográfica nas cidades, equilibrouse cun resurximento dos espacios rurais, dando lugar a un espacio periurbano difuso no que a suburbanización e contraurbanización poden chegar a confundirse.

A suburbanización "é un proceso clásico nas cidades a través do cal prodúcense movementos de desconcentración demográfica cara a periferia, no que interveñen persoas de diferentes condicións social atraídas por moi variadas motivacións". Polo contrario, a contraurbanización é un fenómeno máis recente e "defínese xenéricamente coma o proceso de movemento de persoas e industrias dende as áreas urbanas cara as rurais".

Estos conceptos son tratados de distinto xeito na bibliografía, motivo polo cal Carlos Ferrás considera oportuno clasificala e comentala brevemente por autores, criterios especiales, cronolóxicos e temáticos.

Entre as distintas teorías, atopámonos ca postura de certos americáns e canadienses que consideran falar do fenómeno da Post-contraurbanización. Outros autores afirman ca desconcentración demográfica non é un proceso universal en todolos países desenrolados, e outros consideran a contraurbanización coma unha prolongación da suburbanización.

A obra pretende sobre todo, amosar que tanto Galicia coma Irlanda, melloraron económicamente nas derradeiras décadas polo influxo directo de pertencer a un dos espacios máis desenrolados do mundo, coma é a Europa occidental. Esta modernización, finaliza ca potenciación do sector terciario en detrimento do até entón dominante primario. Consecuencia delo, poden apreciarse os trocos no espacio e concretamente nos asentamentos co nascemento e expansión de áreas suburbanas e contraurbanas.

Irlanda é o país máis ruralizado de Europa occidental, cunha baixa economía que obrigaba a emigrar ós seus habitantes, sobre todo a Estados Unidos e Gran Bretaña. Su incorporación á CEE no ano 1973 repercutió en grande medida en a súa economía, crecendo os sectores secundario e terciario e descendendo o primario. Esta situación unida a toda unha serie de atractivos para atraer inversións extranxeiras, a mecanización do campo, o reparto de activos na industria por todolo país disminuíndo as diferencias este- oeste, os avances nas comunicacións e a tecnoloxía que permitiron separalo mundo empresarial en tres seccións: producción, dirección e investigación; posibilitaron fixar e trasladar poboación a espacios rurais. Unha poboación que reside no campo pero que non se relaciona con traballos agropecuarios ca mesma intensidade que no pasado, reforzando os fenómenos de contraurbanización e suburbanización.

Galicia amosa bastante afinidade co caso irlandés, non obstante diferenciase en certos aspectos, coma son: a emigración non se dirixía a países anglosaxóns, senon a América Latina, presentan un baixo crecemento natural, ingresa na CEE trece anos despois, non rompeu o desequilibrio este-oeste e non houbo unha boa política nin unhas boas condicións que atraxeran a inversión extranxeira. A pesar de estas diferencias, pode afirmarse que Galicia tamén sufrió un troco económico considerable nas derradeiras décadas. Indicadores destes fenómenos os atopamos nos comportamentos demográfico e económico.

Nos anos 1900-1950, Galicia padeceu unha forte emigración (ó contrario de Irlanda, sobre todo masculina) cara América Latina. Esta sangría de man de obra perdida equilibrouse gracias ó movemento natural que aportaba finalmente un saldo positivo e con elo o relevo xeneracional. No periodo 1950-1970 (a emigración acentúase, posto ca América latina unense outros destinos en Europa central e no resto de España. O saldo é negativo e pérdese o relevo xeneracional. A emigración frénase entre 1970-1986 e únese un movemento de inmigración o emigración de retorno. Por último, entre 1986-1991, éntrase nunha nova fase de emigración e atopámonos cun movemento natural regresivo. Este estudio demográfico, amosa variacións ó ser estudiado en unidades especiales menores, como provincias, comarcas e municipios.

No apartado económico, Ferrás constata que en 1964, o 64% da poboación activa galega estaba integrada no sector primario, cunha forte presencia de actividade pesqueira. No ano 1989, a porcentaxe descendeu ó 37%. Pola súa parte os servicios pasaron do 19 ó 40%, familiarizándose Galicia ca chamada "Terciarización económica". Con esta dato pode entenderse en boa parte oproceso de transformación socioeconómica en Galicia, un proceso que logra superar a imaxen de sociedade campesiña e rural. A agricultura modernízase, e a industria desenrólase en grande medida, sobre todo nas Rías Baixas y no Golfo Ártabro. Nos derradeiros tempos, inténtase potenciar a industria endóxena, relacionada cas potencialidades productivas de Galicia, creándose numerosas pequenas e medianas empresas, nunha tentativa de contrarrestar as grandes empresas administrativas en parte públicamente. Son os casos por exemplo de Bazán na comarca de Ferrolterra e da Citröen en Vigo.

O problema de Galicia, é que a pesar de ter condicións similares ás de Irlanda, non se beneficiaron da división internacional do traballo, e elo débese en grande medida á ausencia dunha política de industrialización con capacidade de atraer inversións exteriores por parte de grandes compañías. O maior dos logros neste campo foi o impulso de creación de máis de cen polígonos industriais nos derradeiros anos.

A contraurbanización e a suburbanización en Galicia tampouco alcanzan exactamente a dimensión de Irlanda. Neste derradeiro existen 26 condados, cada un dos casi planifica conxuntamente. Pola contra en Galicia os 313 municipios actúan de xeito individual. As políticas urbanísticas e territoriais teñen pouca importancia.

Para coñecer a estructura urbana territorial no condado de Cork e na provincia de A Coruña, a investigación sigue o principio da "Transición urbano-rural":

  1. Áreas urbanas, cun empleo agrario inferior ó 10%.
  2. Áreas semiurbanas, superior ó 10% e igual ou inferior ó 40%.
  3. Áreas rurais, superior ó 40% e igual ou inferior ó 70%.
  4. Áreas rurais marxinais, cunha tasa superior ó 70%.
Seguindo o mesmo, en 1981 Coruña con 7900 km2 e case un millón de habitantes, amosaba unha densidade de 130 habitantes por km2 . Unha provincia con paisaxes moi variadas nas que contrastan áreas moi urbanizadas, coma o Golfo Ártabro, e despoboadas (coma as montañas do este e as comarcas do noroeste, a chamada "Costa da Morte"). Por municipios, nove eran urbanos, con predominio del sector servicios. Pertencían a este grupo as cidades e os seus municipios limítrofes. As áreas semiurbanas confórmanse por 25 municipios próximos ás áreas urbanas: Betanzos, Boiro… As áreas rurais ocupaban gran extensión, cunha densidade baixa e rasgos dunha vellez importante. As áreas rurais marxinais son as máis atrasadas cunha densidade baixísima (serras orientais e partes do interior da provincia).

Dez anos despois, as áreas urbanas medran en municipios e en habitantes, sobre todo arredor do Golfo Ártabro. As semiurbanas experimentan o maior crecemento. Son en moitas ocasións cabeceiras de comarca, coma Ribeira, Boiro e Noia. As rurais redúcense en superficie e poboación. As rurais marxinais son soamente dúas: sobrado e Aranga.

Os trocos apreciados neste periodo resúmense nos seguintes puntos: 1.As áreas urbanas son rodeadas territorialmente, gañando poboación e reducindo a densidade demográfica, 2. Hai unha tendencia cara o envecellemento, sobre todo no ámbito rural, 3. Increméntase o número de homes, tanto en áreas urbanas coma rurais, 4. O sector primario aumenta lixeramente a súa importancia en áreas urbanas e descende nas rurais, 5. A industria perde importancia nas cidades para gañarla nas cidades, 6. Aumenta a actividade na construcción, 7. O sector terciario incrementa a súa actividade, cunha tendencia maior nas áreas rurais que nas urbanas.

O libro analiza a suburbanización galega con dous exemplos: Fene e Ames; que compara con dúas localidades irlandesas. A suburbanización na provincia de A Coruña surxe nos 70, tomando realmente forza nos 80. Son municipios que sitúanse arredor das grandes cidades, coma: Arteixo, Oleiros, Pontedeume e Teo.

Nestes municipios con procesos de suburbanización, hai un crecemento demográfico e aumenta a inmigración (sobre todo homes). Existe un trasbase de man de obra agraria a outros sectores e as transformancións económicas traen novos estilos de vida.

Ó contrario de Irlanda, en Galicia a suburbanización non foi planificada, existindo conflictos importantes entre os municipios das principais cidades e os da periferia, que son máis permisivos e ofrecen solo máis barato.

No caso de Fene, un municipio situado na costa, dependente de Ferrol e A Coruña que actúan coma centros rectores da comarca e a área metropolitana respectivamente, nos anos 40 e no ano 1963, instálanse grandes astilleros e transfórmanse socioeconómicamente. A oferta de traballo e as condicións urbanísticas (solo máis barato e poucas trabas legais), exercen coma motor de atracción para moita xente da comarca. Fene pasou dun sistema agrario tradicional a un sistema de explotación agraria a tempo parcial ó tempo ca poboación traballa nos astilleos. A crisis naval e a súa posterior reconversión, obrigan a Fene a transformarse nunha cidade de servicios que oferta vivendas coma alternativa a Ferrol. En todolo municipio existe unha mistura e unha desorganización na edificación, propias das áreas periféricas das cidades, contraponiéndose edificacións en altura con vivendas unifamiliares ailladas.

No caso de Ames dase na periferia de Santiago, desenrolándose dous núcleos de importancia: O Milladoiro e Bertamiráns, asentamentos de caráter lineal nos seus oríxenes, vinculados ás vías de comunicación con destino a Pontevedra e Noia respectivamente. No intre en que Santiago convírtese en capital de Galicia, comenza a recibir inmigrantes. No periodo 1986-1991 éstos diríxense en maior cantidade cara os concellos limítrofes de Ames, Teo e Brión. Deste xeito, funcionarios da administración, profesores da universidade e empresarios e profesionais liberais; instálanse en urbanizacións de Ames.

O troco demográfico impulsa unha transformación socioeconómica, reducíndose a actividade no sector primario e aumentando os empleos na construcción e nos servicios. A agricultura convírtese nunha actividade a tempo parcial e moitos novos residentes de orixen urbano e gracias á universalización do automóbil desprázanse a Santiago diariamente para realizar os seus respectivos traballos. Éstos commuters están desvinculados totalmente das actividades do campo.

Edificacións colectivas multifamiliares, vivendas unifamiliares e urbanizacións privadas de calidade; salpican a práctica totalidade do municipio, que carece dunha planificación territorial ó contrario do que sucede en Irlanda. Esta falta de previsión e a competencia entre os distintos concellos, da lugar a unha forte especulación.

En canto á contraurbanización, as súas manifestacións son moi recentes, sendo por tanto un fenómeno pouco estudiado en Galicia. Na década dos 80, catro municipios galegos presentan síntomas de padecer este fenómeno: Tordoia, Melide, Santa Comba e Ortigueira. Os dous primeiros son analizados detalladamente. Son municipios que non están adxacentes ás grandes cidades, o cal dificulta os posibles movementos pendulares. Presenta baixa densidade e un colectivo moi envellecido. O freno na emigración e un incipiente fluxo inmigratorio que correspóndese ca emigración de retorno, sobre todo homes, acompáñanse de trocos económicos, cobrando o terciario unha maior importancia en perxuicio do sector primaro.

Melide é un concello cunha importante produción agropecuaria, sobre todo especializada na producción leiteira. Enclávase no sureste da provincia representando ó núcleo máis poboado (4300 habitantes) da comarca Arzúa-Melide, o que lle proporciona ser a referencia comercial. O concello presenta unha baixa densidade que tradúcese en 181 pequenas aldeas dispersas.

Tordoia presenta básicamente os mesmos rasgos económicos que Melide, pero diferenciase en outros indicadores. Non posee un centro urbano detacado, sendo o maior Pontepedra, na parroquia de Cabaleiros, con apenas 400 habitantes. Esta circunstancia provoca que as súas 81 aldeas teñan como referencia a Ordes en materia de servicios.

Os inmigrantes que achéganse a Melide son sobre todo procedentes da comarca, de municipios como Arzúa, Toques, Santiso, e Sobrado; e tamén dos próximos, como Palas de Rei. Tamén é importamnte o múmero de inmigrantes procedentes de Bilbao e Suiza (na súa maioría emigrantes de retorno).

En Tordoia delátase unha recesión na emigración nos primeiros anos da década dos 90, voltando a ser os emigrantes superiores en cantidade ó número de inmigrantes. Entre os inmigrantes atópanse os retornados de Suiza e América Latina, pero por cuestións relacionadas cos subsidios e outras, é difícil recoller estadísticamente de xeito exacto tódolos casos. Éstos inmigrantes que retornan con fillos criados en grandes cidades, introducen trocos sociais e culturais de gran importancia.

As transformacións demográficas afectaron á economía. En Melide na década dos 80, rebaixase a poboación activa do sector primario nun 27%, incrementándose os servicios e en menor medida a industria e a construcción. Creáronse multitude de establecementos comerciales e oficiñas de servicios administrativos públicos para satisfacer as necesidades da comarca.

En Tordoia, a situación económica evolucionou de distinto xeito, debido en gran parte a que non existe un núcleo importante no cal potenciar os servicios. Aumentaron as porcentaxes en industria e sobre todo no sector primario. Gran parte dos emigrantes retornados asumiron a direción das explotacións destinadas á producción de leite, sustituíndo ós familiares xubilados. A tecnificación nas explotacións e as limitacións de producción fixadas pola P.A.C., libera man de obra e provoca que nos atopemos cunha grande cantidade de traballadores simbióticos ou obreiros-campesiños.

En ámbolos dous concellos o benestar social continua a ser inferior ó das cidades, pero houbo melloras moi notables.

En definitiva, as grandes cidades están deixando de ser os centros receptores exclusivos dos movementos migratorios e determinadas entidades de poboación rural emerxen como alternativa de vida. Ben planificada é un proceso irreversible de troco e transformación no medio rural.

Cambio rural na Europa Atlántica é unha obre suxerente que non deixa indiferente ó lector e que contribúe a dinfundi-la validez dos estudios comparativos rexionais dende á optica da xeografía humana. Sen dúbida o valor das comparacións xeográficas acadan fondo contido no contexto da Globalización e da Revolución Tecnolóxica da Información.
 

© Copyright: X. Carlos Macía Arce, 2001
© Copyright: Biblio 3W, 2001



Volver al principio de la página

Menú principal