Menú principal de Geo Crítica                                                                                   Volver al Índice de Biblio 3W
 
Biblio 3W
REVISTA BIBLIOGRÁFICA DE GEOGRAFÍA Y CIENCIAS SOCIALES
Universidad de Barcelona
ISSN: 1138-9796. Depósito Legal: B. 21.742-98
Vol. VI, nº 327, 26 de noviembre de 2001

SOUTO GONZÁLEZ, X.M. (dir.)(1) Planeamento estratéxico e mercadotécnia territorial. Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, Vigo, 2001

Francisco José Armas Quintá
Gis.T. (Grupo de Investigación Socio-Territorial).
IDEGA. Universidade de Santiago de Compostela.

Songoten@ole.com


Palabras clave: planeamiento estratégico/ mercadotecnia territorial/ Eixo Atlántico/ Galicia

Key words: strategical planification/ territorial marketing/ Eixo Atlántico/ Galicia


Planemento Estratéxico e Mercadotecnia Territorial é un estudio levado a cabo por investigadores galegos e portugueses coa finalidade de nos presentar as potencialidades que ten o territorio do noroeste peninsular, artellado territorialmente nun conxunto político e administrativo denominado Eixo Atlántico. Ó mesmo tempo, este estudio de mercadotecnia territorial pretende abrir un camiño de reflexión e acción de cara a toma de decisións dos poderes políticos, o cal pode modificar o desenvolvemento económico e social dun territorio.

Nesta valoración crítica, en primeiro término exporei de maneira breve cal é o artellamento e os puntos básicos que se tratan na obra. Seguidamente mostrarei de maneira global a miña valoración crítica sobre os distintos aspectos que se tratan nela.

No capítulo primeiro o tema que se trata é a importancia da imaxe do ambiente urbano para o desenvolvemento territorial. Para as cidades do Eixo Atlántico é clave a apertura cara as novas tecnoloxías da información, así como os investimentos de cara a conseguir unha elevada cualificación humana. Tamén estas cidades deben procurar crear un ámbito de autonomía territorial que lles permita definir os productos que queiran promocionar, (turismo, cultura, deportes, etc.).

A localización do Eixo Atlántico é a dunha posición periférica con respecto ás principias áreas urbanas. Esto fai que sexa necesario aumentar a conexión con elas e mostrar recursos e potencialidades de localización de activiades económicas que lles permitan competir no mercado global.

No capítulo segundo o tema que se trata é o márketing e a mercadotecnia territorial como ferramenta para o desenvolvemento económico e social dun territorio. Neste capítulo defínese a mercadotecnia territorial como un conxunto de coñecementos e instrumentos desenvolvidos polo márketing e que poden ser aplicados na xestión estratéxica dun territorio. Para algúns autores, a finalidade da mercadotecnia territorial é a constitución duna imaxe de lugar, e sustituílas polas xa existentes (vagas ou negativas). A perspectiva máis recente da mercadotecnia territorial é a de promover o desenvolvemento sustentable dun territorio e mellorar a economía, calidade de vida, e aumentar a eficacia e utilización dos recursos.

O capítulo terceiro está adicado a analizar a importancia das cidades medias no desenvolvemento rexional. Segundo os autores as cidades medias teñen unha dimensión que garanten economías de escala e aglomeración, que non presentan os problemas das grandes cidades en canto a conxestionamento, contaminación, fiscalidade, etc. Por outro lado, as cidades medias son viables conciliando calidade ambiental, potencial de expansión económicas, e son lugares priviliexiados para a cidadanía, fronte ás grandes cidades "deshumanizadas" . Pero tamén é necesario citar algunhas das carencias das cidades medias tales como a falla de infraestructuras, equipamentos, funcións cualificadas, etc., que sí podemos encontrar nas grandes aglomeracións.

O tema que se trata no capítulo cuarto está en relación coa difusión do urbano cara as áreas rurais, en concreto do proceso de difusión urbana das cidades do Eixo Atlántico sobre as súas periferias. Neste ámbito, a nova concepción de cidade está en relación coa difusión da urbanización no campo e coas tendencias integradoras do rural co urbano. A este respecto existen diferentes interpretacións da difusión urbana sobre os espacios rurais. Algunhas delas son o "Clean Break" ou ruptura co pasado, o "Spillower" ou derramamento urbano, os "Spatial Cycles" ou ciclos espaciais, e outras interpretacións que non entraremos a analizar.

O capítulo quinto estudia as cidades do Eixo Atlántico con relación á mercadotecnia territorial. Facendo unha análise destas cidades e dos seus municipios, entrevese a potencialidade que estes teñen para un desenvolvemento futuro. Deste xeito, a pedra é un símbolo de patrimonio cultural e a auga un recurso vital; esto únese á morriña e ó sentimento sobre o que se considera de seu.

O sexto e último capítulo pon de manifesto a influencia dos estudios estratéxicos e mercadotecnia territorial no desenvolvemento socioeconómico e cultural dos espacios xeográficos.

A análise xeográfica da imaxe dun territorio incide directamente no planeamento estratéxico e na promoción turística das cidades. No planeamento estratéxico inflúe por dúas razóns: revela cales son os grandes trazos da estructura territorial das cidades do Eixo e marca as posibles alianzas das cidades entre sí. Ademáis favorece o proceso de participación cidadá na construcción dun urbanismo futuro.

No que se refire á valoración crítica da obra, vouna centrar en tres puntos básicos, os cales considero de relevada importancia:

- O márketing como ferramenta de desenvolvemento económico.
- O papel do planeamento estratéxico para a construcción dun urbanismo futuro.
- A importancia das cidades medias para o desenvolvemento rexional.

Cando se fala de márketing e mercadotecnia territorial, debemos poñer especial énfase do que queremos abarcar con tal definición. Podemos refererirnos con esta definición únicamente a tentar construír unha imaxe de cidade, intentando mostrar as súas potencialidades e todo aquello positivo do que posúe (tranquilidade, espacios verdes, etc.), e dalgún xeito tentar de sustituír todos os aspectos negativos que padece (como problemas de drogadicción, inseguridade cidadá ou ben aspectos como unha degradación progresiva de centros históricos). Este concepto de márketing territorial sería dende o meu punto de vista moi escaso e dalgún xeito perigoso para o desenvolvemento socioeconómico dunha cidade, xa que estaría encubrindo serios problemas con parte das súas potencialidades, co que ámbalas propiedades quedarían anuladas; sería desperdiciar recursos para encubrir as flaquezas e debilidades que posúen.

Dende o meu punto de vista, a mercadotecnia territorial debería evitar enmascarar os problemas duna cidade e tentar de chegar á raíz dos problemas, poñelos en evidencia e logo coa axuda do planeamento estratéxico (participación cidadá) tentar darlles solucións. Logo disto ven o papel do márketing e a mercadotecnia territotial, a promoción dunha cidade con potencialidades e recursos para así atraer investimentos, etc.

O papel do planeamento estratéxico é fundamental para a construcción dun urbanismo futuro. O planeamento estratéxico pon especial énfase na participación pública para a selección de actuacións. Dende o meu punto de vista a participación cidadá é imprescindible, non só para a selección de actuacións, senón para a construcción da propia cidade. Son os cidadáns quen deciden cómo vai a ser a cidade do futuro e ó mesmo tempo tamén son eles que revelan ás administracións públicas cales son os problemas máis graves que posúe. Tamén hai que considerar o papel que pode xogar a este respecto o papel da xeografía da percepción como ferramenta para chegar ós cidadáns e coñecer as súas opinións e inquedanzas.

No que se refire ó papel que cumpren as cidades medias para o desenvolvemento rexional, para comenzar creo que debemos matizar e aclarar o concepto de "cidade media". Según o "diccionario de geografía urbana, urbanismo y ordenación del territorio" (Grupo ADUAR, 2000), a cidade media é un asentamento situado entre a pequena e a gran cidade e que inclúe un número de habitantes determinado. En España, segundo a Ley 7/85 de Bases de Régimen Local, unha cidade media debe contabilizar entre 20.000 e 100.000 residentes. Dende o meu punto de vista, non é un criterio válido establecer un número que diferencie unha cidade media dunha gran cidade. Os motivos son variados. Un exemplo é que ese límite establecido para as cidades medias de España non é o mesmo para espacios máis amplos como por exemplo a Unión Europea, onde o límite superior está establecido nos 200.000 habitantes. Se ampliamos a escala e descendemos ó nivel autonómico, podemos comprobar que hai diferencias considerables entre o que se considera un pobo na Comunidade Autónoma de Andalucía e en Galicia, por poñer un exemplo. Do mesmo xeito ocorre cando falamos de cidades medias en Galicia e en Andalucía en canto ó número de habitantes se refire. Dende o meu punto de vista, o criterio numérico non debería emplearse para diferenciar o que é unha pequena, mediana ou gran cidade; ¿Cales serían as diferencias entre unha cidade con 100.000 habitantes con outra de 105.000 habitantes para o caso de Galicia? Pois a efectos legais que unha estaría dentro da xerarquía de cidade media e outra de cidade grande. Pero a realidade estaría moi lonxe deste criterio, e tódalas diferencias existentes entre elas (dinamismo económico, infraestructuras, etc.), non virían dadas polo número de habitantes, e sen embargo este é un criterio que legalmente as diferencia. En resumo non debería establecer un criterio numérico para diferenciar este tipo de cidades, senón outros máis acordes tales como as dotacións de infraestructuras dinamismo económico, etc., e sempre ter en conta o contexto socioterritorial no que se atopa.

Deixando á marxe estas delimitacións, debemos de ter en conta ó mesmo tempo o marco territorial que estudiamos, neste caso a Eurorexión Galicia-Norte de Portugal. Dende o meu punto de vista, a maioría das cidades que aquí atopamos estarían englobadas dentro do grupo das cidades medias, iso sí con distinto volume demográfico, en dotacións de servicios e infraestructuras. As de maior entidade desfrutan cunha maior dotación de servicios públicos, mellor infraestructuras de comunicación, centros de formación e investigación (universidades), etc. Por outra banda están as cidades medias de menor entidade, que non teñen as vantaxes das anteriores pero que gozan doutras potencialidades, tales como a tranquilidade, maior contacto coa natureza, escasos problemas de contaminación e tráfico rodado etc. Dende o meu punto de vista deberíase crear unha boa rede de comunicacións que conectase estas cidades medias de distintas características máis que intentar dotalas a todas dos mesmos servicios. Deberíase potenciar unha complementariedade funcional urbana frente a competencia e localismos.

Conectar estas cidades cun bó sistema de comunicacións (estradas e autoestradas, ferrocarrril) permitiría por unha banda aminorar os problemas de conxestión de tráfico rodado e acceso ás cidades de maior entidade. Por outro lado permitirian desfrutar ós cidadáns das mellores cualidades destas cidades de características distintas (gran dotación de servicios públicos/tranquilidade e maior contacto coa natureza).

Notas

(1) Redactores: Álvaro Cidrais, Carlos Ferrás Sexto, Casimiro Mesejo González y Xosé Manuel Souto González.

© Copyright: Francisco José Armas Quintá, 2001.
© Copyright: Biblio 3W, 2001.



Volver al índice de Biblio3W

Menú principal