Menú principal
Biblio 3W
REVISTA BIBLIOGRÁFICA DE GEOGRAFÍA Y CIENCIAS SOCIALES
(Serie  documental de Geo Crítica)
Universidad de Barcelona
ISSN: 1138-9796. Depósito Legal: B. 21.742-98
Vol. VIII, nº 465, 5 de octubre de 2003

DIFERENCIACIÓN ESPACIAL E CALIDADE DE VID

MACÍA ARCE, Xosé Carlos. La calidad de vida en la ciudad histórica de Santiago de Compostela. Aproximación a los fundamentos teóricos y al análisis empírico. Memoria de Licenciatura, Universidade de Santiago de Compostela, Departamento de Xeografía, 2003, 235 páxinas + 111 de Anexos.

Xosé M. Souto González
I.B. Benimaclet-2 (Valencia)


Diferenciación espacial e calidade de vid (Resume)

Nas sociedades occidentais predomina unha situación de benestar social nas cidades principais. Non obstante, este concepto é moi difícil de definir e, por outra banda, non se extende homoxéneamente, senón que existen diferencias internas nas cidades e tamén entre estas. O traballo de Xosé C. Macía mostra empíricamente as diferencias no centro histórico de Santiago de Compostela, tanto no equipamento das vivendas como no acceso ao sistema escolar. Responde así a un dos retos máis complexos que ten a xeografía no seu obxecto de análise.

Diferenciación espacial e calidade de vid (Resumen)

En las sociedades occidentales predomina una situación de bienestar social en las ciudades principales. No obstante, este concepto es muy difícil de definir y, por otra parte, no se extiende homogéneamente, sino que existen diferencias internas en las ciudades y también entre éstas. El trabajo de Xosé C. Macía muestra empíricamente las diferencias en el centro histórico de Santiago de Compostela, tanto en el equipamiento de las viviendas como en el acceso al sistema escolar. Responde así a uno de los retos más complejos que tiene la geografía en su objeto de análisis.


Palabras chave: Calidade de vida, estado do benestar, centro histórico

Palabras clave: calidad de vida, estado del bienestar, centro histórico

Key words: life quality, welfare state, city center


A continua especialización do coñecemento científico incidiu no xurdimento de novos grupos de investigadores que definiron uns campos moi específicos. Pola contra, as materias máis holísticas, como é o caso da Xeografía ou da Historia, van perdendo protagonismo no conxunto das ciencias sociais, pois fican relegadas a un estudio descritivo dos fenómenos sociais, nos marcos temporarias e espaciais, ancoradas nun modelo enciclopédico claramente obsoleto1. Unha das hipótesis que permitiría avanzar nos estudios de xeografía social sería analizar estudios doutros científicos, co gallo de procurar levar adiante estudios interdisciplinarios, onde as disciplinas máis globais teñen moito que aportar.

A creba do círculo pechado do culturalismo estéril, que asulaga moitos dos debates sobre a crise da xeografía, ten que proceder dunha análise reflexiva dos problemas sociais, coa repercusión espacial de seu. Un estudio das inquedanzas e expectativas dos individuos e colectivos sociais sobre a realidade socioespacial que están a observar, padecer, gozar... decote.

Formular como proxecto de traballo unha pregunta relevante para un conxunto de persoas é un dos camiños máis positivos na investigación, sobre todo no eido social. Un problema que se move entre as fronteiras disciplinares e que permite proxectos interdisciplinares no futuro.

O estudio presentado por Xosé C. Macía ensaríllase nesta dinámica, pois formula un estudio minucioso de dúas variables que conforman a denominada "calidade de vida" das sociedades da era da información: a vivenda e a educación. Non hai dúbida que este asunto é moi complexo, pois o propio concepto é debatido desde diferentes perspectivas disciplinares e os estudios empíricos manexan unha morea de datos para procurar definir un índice sintético2.

O estudio se presenta en seis grandes capítulos de diferente número de páxinas, destacando claramente os números 4 e 5, que analizan empíricamente os parámetros da poboación, cun apartado específico para a formación académica, e a vivenda. A distribución interna dos capítulos ten algunhas eivas fáciles de subsanar, como a apertura dun subepígrafe (6.1.) sen continuidade, ou ben un estilo de numeración que recorda un tanto os informes técnicos da administación, con tres numerais, o que pode ser modificado coas posibilidades tipográficas que ofrecen os medios informáticos. Uns recursos que facilitan a lectura, pois os cadros e esquemas permiten reflectir sobre o que se le en páxinas anteriores. Por último indicar que no estilo da escritura conflúen as veces tres tipos de discurso: a transcrición do oral (p.e. páxina 12 sobre o número de fotocopias que deixan facer no concello), o narrativo subxectivo (p.e. páxina 144: opino que..., na páxina 146: me inclina por criticar...) e a valoración propia da argumentación racional (p.e. páxina 187: los valores de la tabla 6.1. nos muestran una...)

Os seus obxectivos céntranse na análise da calidade de vida observada, como persoa que vive no centro histórico e como investigador que avalía a dos seus veciños. A análise que realiza a partir das entrevistas e do estudio do padrón municipal vaille permitir establecer unha diferenciación espacial dentro do centro histórico. Esta taxonomía vai ser xustificada como consecuencia das desigualdades de condicións de vida, polo que as alternativas presentadas entran de cheo nun conxunto de propostas programáticas.

Como digo, existe un reto difícil de levar adiante, tanto pola escasa tradición da xeografía neste tipo de estudios como pola dificultade de precisar o que se entende por calidade de vida, unha das preocupacións sociais máis relevantes nos países desenvolvidos, pero que xorde de intencións e planteamentos ideolóxicos contraspostos. Se na escala planetaria o Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) procura ser un índice que mellore as eivas do PIB, en España os índices sintéticos de calidade resultan duns indicadores estatísticos que ocultan moitas deficiencias de base. E, sobre todo, o que predomina é unha concepción cuantitativa de comparar resultados e non tanto avaliar os procesos e as valoracións persoais.

Entrar nun terreo minado entraña, pois, problemas metodolóxicos, pero que o autor desta Memoria de Licenciatura, procura sortear coa axuda da bibliografía manexada. Por iso ademáis de valorar o enorme esforzo que supón o seu estudio, debe servir tamén para avaliar a nosa contribución a un estudio interdisciplinar sobre  esta preocupación social. Neste senso téñenese que entender as miñas críticas.

En primeiro lugar porque procedo dun eido laboral moi vencellado aos problemas da calidade educativa, e sobre todo neste intres de cambios no sistema educativo non universitario por motivo precisamente dunha Lei que se dí de "calidade educativa". Este concepto enche os debates dos medios de municación, onde é frecuente escoitar ideas e opinións que están cheas de informacións erróneas, incompletas ou simplemente falsas. A calidade de vida non só pode ser avaliada desde os estándares de instrucción cultural, senón tamén, e sobre todo, da formación da cidadanía. Este asunto é unha preocupación universal, por exemplo nos Estados Unidos na Segunda metade do século XIX (J. Dewey) cando chegaba unha morea de inmigrantes.

Por outra banda se o que se quere é comparar os estándares culturais hai que ser máis riguroso na comparación, como se pode comprobar na análise dos informes PISA sobre os sistemas educativos europeos. Pero non podemos entrar neste asunto concreto, pois non corresponde co obxecto deste traballo agora reseñado. Tan só quero manifestar a dificultade co que se atopa o autor cando analiza estes parámetros.

Supoño que unha das maiores dificultades que tiveron o autor e director para delimitar este estudio, foi a definición conceptual. Por iso insisto neste asunto e voume deter un chico máis. A calidade de vida pode ser o resultado da comparación de estándares de equipamento, como os que existen no planeamento urbanístico, ou ben o contraste de valoracións subxectivas das persoas que viven nun detrerminado espacio, sobre todo se este ten unha carga simbólica como é o centro histórico. A referencia ao denominado ESPACIO COMPLEXO, síntese dialéctica entre as opinións subxectivas e os datos obxecivos parece unha importante alternativa conceptual para delimitar o problema, como se ten reflexado en estudios de percepción urbana3. Igualmente para a delimitación da Almendra da cidade histórica poido utilizar como referencia a delimitación perceptual que utilizou Josep V. Boira na súa tese de doutoramento4. Esta cuestión formal parece que é unha cuestión importante, a xuzgar polos erros cometidos no Plan do centro histórico de 1997, que engloba parte da Almendra na sección do Sar.

En efecto, centro histórico e calidade de vida fan referencia a cualidades propias da memoria, do subxectivo. Isto require unha análise máis sociolóxica, pero non desde a positivismo morfolóxico, senón desde as funcións vitais, tal como o autor nos presenta a partir Alguacil Gómez, que son moi semellantes ás definidas pola Escola Social de Münich en xeografía. E neste senso hai que considerar os estudios realizados por sociólogos en Galicia, como Xoán Bouzada, Miguel Martínez ou o grupo Cidadanía, que precisamente traballou para o concello de Santiago de Compostela. Igualmente para o futuro será desexable establecer as oportunas comparacións con outros centros históricos da Península Ibérica, como consecuencia dos traballos levados a cabo en Porto ou Vila de Nova de Gaia ou en Cuenca ou Valencia.

Con todos estes mimbres Xosé C. Macía tentou tecer o seu particular cesto de coñecementos. O soporte fundamental faino descansar na hipótese de considerar que baixo un espacio morfolóxico homoxéneo existen diferencias internas significativas na calidade de vida da Almendra: entre o sector Norte e Sur, entre as vías principais e periféricas. Ao meu modo de pensar, esta hipótese debería quedar máis resaltada na presentación, nas páxinas 8 e 9, para centrar ao lector e non perdelo no proceloso mar das teorías multidisciplinares sobre calidade de vida.

En efecto, a interdisciplinariedade resulta complicada de extraer do capítulo segundo, pois o conxunto conceptual e metodolóxico é moi complexo, como se pode apreciar na figura 2.1 (páxina 20). Sen dúbida non é problema do autor, que honestamente bucea na bibliografía ao seu alcance, senón da dificultade intrínseca aos estudios interdisciplinares, sobre todo se seguimos as propostas de D. Smith. A figura antedita máis parece o resultado dunha xustaposición de materias científicas e técnicas de traballo que un programa de investigación interdisciplinar, aínda que conte con tres preguntas centrais (quén, ónde, qué).

O autor opta por unha solución interpretativa, a partir das diferentes lecturas, o que emboca en comentarios que son máis propios da vontade e da opinión política que do razonamento sociolóxico sobre a calidade de vida: "avalo su posición y la justifico. Las decisiones afectan a la comunidad y debe ser ésta la que..."(páxina 23). Claro está que o autor é consciente de que non é o seu obxectivo mediar neste debate teórico (páxinas 38-39), senón precisar o seus puntos de partida. Resulta así moi encomiable o esforzo que realiza para xustificar a súa posición, que fica de manifesto no resume que fai na páxina 36, onde obviamente considera os indicadores obxectivos de equipamentos, emprego, etc. así como o sentimento de satisfacción que teñen as persoas respecto ás necesidades, o que nos remite outra vez aos postulados da Xeografía da Percepción.

Unha vez definido o marco teórico sobre o que define a calidade de vida, escolle dúas variables para ser aplicadas ao espacio delimitado: educación e equipamento. Con este obxectivo presenta a cidade histórica de Santiago de Compostela, no contexto comarcal e do conxunto urbano, con algún problema no uso conceptual da escala (páx. 49). Precisa os límites da cidade histórica e da "Almendra" do sector intramuros. Utiliza os estudios previos que presentan a evolución histórica da poboación en Compostela (Pérez Fariña, Rodríguez Martínez-Conde, Aldrey Vázquez y Formigo Couceiro), de tal xeito que mostra que sabe investigar sobre un asunto concreto. O seu estudio exhaustivo permite tipificar o espacio desde unha escala de rúas (aproximadamente sería 1/2000). Sen dúbida isto facilitará que máis adiante poda escoller algúns edificios significativos para estudiar a propiedade e o aluguer de rentas antigas, que constitúe un dos motivos fundamentais da problemática da calidade de vida como logo exporá. A escala doméstica permitirá ademais incidir no papel que xogan os estudiantes na vida do barrio histórico, pois non aparecen reflexados na información oficial, segundo manifesta na páxina 67.

Aínda que subliña, na páxina 65, que o seu obxectivo non é tanto a análise das taxas e índices, senón descubrir as necesidades reais da poboación, o certo é que tampouco prescinde das estatísticas demográficas ao longo do seu traballo, como queda de manifesto nas páxinas 70 a 108. Ás veces hai algúns cadros que incluso poden suprimirse, como é o estudio dos índices de avellentamento ou do reparto por sexo da poboación (páx. 70). Sobre todo porque a diagnose demográfica é simple: poboación avellentada e predominio do sexo feminino pola maior esperanza de vida e pola presencia de conventos de relixiosas.

Non obstante, na análise que fai do reparto da poboación por rúas e zonas fai falta un maior rigor. Non se sustenta a afirmación de que "las vías centrales que únicamente representan el 26,7% del total de las vías, son las preferidas por un 45,3% de la población" (p. 71-72). Isto por dous motivos, a porcentaxe das rúas sobre o total non sabemos que representa, pois para isto teríamos que contar con rúas da mesma lonxitude ou do mesmo número de edificios; por outra banda, a preferencia pode ser unha opción forzada pola ausencia de vivendas noutro lugar. Se falamos de preferencias habería que contar cos datos subxectivos e non tanto da descrición dos datos censais.

O autor manifesta constantemente unha preocupación social que invítalle a aconsellar ás autoridades locais ("habría que buscar..., se podría...) sobre o rexuvenecemento da poboación na liña de non confundir rehabilitación material e anovamento da vida do centro histórico. A veces o seu entusiasmo lévalle a "denunciar" situacións demográficas que presentan para él un "escenario francamente grave" (páx. 83). Neste senso cómpre delimitar, para futuras investigacións, os límites entre un traballo de investigación argumental e o discurso propio dun informe técnico, que non pretendemos nin moito menos minusvalorar, para non cair en "argumentos" (páx. 87) que poden ser un tanto subxectivos, como pode ser a presentación "de los nuevos estilos de vida en la mujer" nos factores que impiden o rexuvenecemento. Pois a isto pódese contrargumentar que se os homes traballaran máis nas tarefas domésticas as mulleres poderían compatibilizar mellor o traballo fora e dentro de casa. Sobre todo, porque é un argumento que contrasta coa dificultade de adquirir unha vivenda na cidade histórica por parte das persoas máis mozas.

Non quixera ser malinterpretado: as miñas observacións parten da lectura da Tese de Licenciatura de Xosé Carlos Macía, pero pretenden ir máis lonxe, como é a definición do rexistro formal da argumentación nun traballo de índole científica. A argumentación ten que cumplir coas premisas da publicidade dos datos empíricos para que poda ser sometida ao criterio de refutación lóxica e así admitila como parte dun planteamento teórico hipotético. Igualmente isto obliga a establecer unha xerarquía de premisas teóricas, onde a poboación seguramente pase a representar un valor secundario e non principal. Por iso o problema non empeza na descrición da estructura das idades, senón na incapacidade dunha poboación vella para mellorar, ou tan só manter, a súa calidade de vida.

Por iso considero que a variable demográfica máis importante para esta Tese é como presenta o seu autor a calidade de vida relacionada coa educación escolar, entendendo que esta permite unha maior satisfacción das necesidades humanas, individuais e sociais, algo que está en cuestión nos momentos actuais de inicio de século XXI. Un estudio que paradóxicamente ten unha importancia cuantitativa menor que o número de páxinas adicadas ao avellentamento (30 fronte a 14). Como recordará máis adiante, na páxina 154, o avellentamento pode relacionarse coa calidade educativa, como consecuencia da ausencia de instrucción escolar na longa noite de pedra do franquismo, pero non tanto coas condicións residenciais, pois estas dependen máis de factores propios da propiedade/inquilinos ou ben da capacidade adquisitiva das persoas.

Pois o seu estudio é o que resulta da análise dos niveis de instrucción da poboación, pois aquí xa se observan as diferencias entre a Almendra Norte e Vías Periféricas, por unha banda, e a Almendra Sur e Vías centrais pola outra. Isto permítelle chegar a algunhas causas ou factores que determinan esta situación desigual: causas espaciais (a atracción comercial), demográficas (avellentamento), económicas (vivendas de rentas antigas) e políticas (non existe especial interés por recuperar a Almendra Norte).

O capítulo quinto adícase ao estudio da calidade da vida residencial, "un indicador muy complejo...con múltiples variables... que nos definen el grado de conservación y las prestaciones internas en los edificios y viviendas" (páx. 119). Pero ademáis o nivel de vida residencial debe considerar aspectos externos, como a escena pública urbana. Todo isto determina que o estudio do centro histórico considere tanto os valores específicos do equipamento como o a imaxe conxunto arquitectónico. E sobre deles está a capacidade de actuación das persoas.

Para levar adiante o estudio da calidade residencial o autor tivo que manexar as fontes estatísticas e documentais do Plano Especial, así como tamén o resultado das 70 entrevistas con preguntas pechadas que realizou aleatoriamente entre os veciños do espacio intramuros, diferenciando catro zonas: Almendra Norte, Almendra Sur, Vías Principais e Vías Periféricas. O modelo de enquisa utilizada aparece reflexada nas páxinas 129-135, reflexando un estudio minucioso para as metas previstas, aínda que ás veces duplica a información derivada da documentación do Plano Especial.

Respecto á esta fonte, fai unha crítica de diversos aspectos informativos e programáticos do Plano Especial, con argumentos que sen dúbida parecen acertados, pero que precisan dun maior desenvolvemento. Por exemplo se tal como parece se primou a rehabilitación histórica e artística fronte á social, cabe  preguntarse como se fixo o plano de participación social e os programas de actuación comunitarios. Algo que se podería indagar a través do movemento veciñal e dos traballos levados a cabo por grupos de investigación social (Cidadanía). Pero, sen dúbida, isto desbordaría os límites da Memoria de Licenciatura.

O destino do edificio (páx. 136) revela que a maioría dos edificios comparten o seu uso residencial con outros usos, fundamentalmente comerciais, sobre todo na zona centro-sur. Isto permite diferenciar a estructura productiva e sociolóxica da Almendra, pois o centro sur relaciónase  co Ensanche e pula o incremento dos precios da propiedade inmobiliaria.

O seu estudio da calidade de vida residencial lévalle a considerar outras variables, como o número de vivendas por edificio e número de habitacións por vivenda. Isto permítelle obter algunhas conclusións sobre as relacións veciñais e calidade ambiental (páxinas 137-138) que ao meu modo de ver requiren un estudio posterior máis individualizado. Tan só apunto unha hipótese que se desprende da súa afirmación".  En la Almendra Norte las viviendas son de menor tamaño en general, pero tiene mayor presencia la residencia de 100 a 150 m2" (páxina 139). Pois ben esta afirmación pode derivar nunha proposta de traballo: históricamente a poboación da zona Norte era máis heteroxénea e as diferencias sociais estaban máis marcadas, como consecuencia da presencia de grandes propietarios. A análise da estructura das vivendas nos edificios (tamaño medio por andar) e a morfoloxía das fachadas poden derivar en concluir que existiu unha sucesión de grupos sociais na Almendra Norte como consecuencia dos cambios no sistema productivo.

Neste senso sería oportuno avaliar os motivos da fuxida das profesións liberais e familias de elevada renda do centro histórico de Santiago de Compostela. O desplazamento do centro funcional, o cambio de modelo de asistencia sanitaria, que fai perder protagonismo aos médicos de Compostela e a procura de mellores condicións de vida material nas vivendas entre outros, son motivos que explicarían o abandono deste barrio por persoas dunha relevancia social importante.

En consecuencia, o estudio do licenciado Macía Arce é moi rico e suxerente en perspectivas de investigación sobre os centros históricos e na avaliación das políticas locais sobre a rehabilitación dos centros históricos. Así a incidencia das subvención sobre a rehabilitación das vivendas pode mostrar se permite aumentar a calidade de vida dos residentes ou pola contra provoca un fenómeno de sucesión residencial, como consecuencia da expulsión dos inquilinos por parte dos propietarios, que ven no seu edificio unha oportunidade de mellorar os beneficios. Todo isto lévanos a unha investigación de máis tempo e con fontes que proceden de Facenda, do Consorcio de Santiago de Compostela e do Rexistro de Propiedade. En calquera caso o que quixera subliñar é a relevancia das perspectivas de traballo que abre esta memoria de licenciatura para poder avaliar no futuro a política dos centros históricos, que como sabemos teñen recibido unha morea de fondos económicos europeos (Programas Urban, Polis...) así como desde as administracións do Estado e Autonómicas. Moitas veces tan só hai que transformar unha declaración de vontade ("Tengo que decir que las autoridades públicas son conscientes y están precocupadas por el proceso de envejecimiento..." (páx. 141) por un proxecto de investigación.

Moitas veces "opina" (páx. 144) porque mostra un interés por comprender todo o proceso global de transformación da calidade de vida do centro histórico. Deste xeito podemos coñecer o seu grado de sensibilidade polo proceso de ocupación das vivendas e das relacións veciñais.

Sen dúbida  o elemento clave aparece no réxime de tenencia das vivendas, pois case a metade son alugueres sen mobles anteriores a 1964: 45% na Almendra Norte e 35% na Almendra Centro-Sur. Agora ben, o autor creo que se precipita en "criticar severamente la legislación" (páxina 146) sen antes analizar algúns casos que considere representativos. Non hai un estudio profundo da lexislación nen tampouco das relacións entre propietarios e inquilinos en edificios concretos. Por iso cae nun discurso que oscila entre "o debe ser" e o "ser". O estudio de casos concretos podería explicar máis claramente o problema da degradación da vivenda e a menor calidade de vida nas vivendas ocupadas por unha ou dúas persoas maiores de 65 anos.

En consecuencia somos máis partidarios da análise dos feitos empíricos que permiten extraer conclusións relevantes a partir dun marco teórico. Algo que sucede na análise das variables principais que determinan a calidade de vida na zona histórica. O estudio se detén en factores tan visibles como a formación de grietas, pisos inestables ou a aparición de goteiras nas vivendas, o que lle permite profundizar nos motivos da insatisfacción. Unhas variables principais que se complementan con outras secundarias: humedades, ventilación deficiente e malos cheiros, escasa iluminación solar e contaminación acústica. E incluso outras variables, que se relacionan co equipamento e infraestructuras das vivendas.

A satisfacción respecto a súa calidade de vida é moi superior ao que o autor esperaba ("sorprendente, por su valoración postiva", páxina 174), o que nos conduce á necesidade de profundizar nos aspectos subxectivos propios da Xeografía da Percepción. En efecto, a valoración simbólica do espacio histórico non pode ser despreciado e isto xenera unha decisión de vivir no centro histórico fronte a outros lugares do Ensanche ou da perriferia. E igual cabe dicir, como él mesmo corrobora, das necesidades sentidas polos diferentes grupos de poboación ("la población envejecida no tiene las mismas necesidades", páx. 175)

A síntese que presenta na páxina 192 sobre as causas que inciden negativamente na calidade de vida da Almendra son dun gran valor didáctico, pois é capaz de agrupalas nas categorías espaciais, demográficas, culturais, económicas e políticas.

O capítulo sexto parece máis o listado dun programa de actuación dun planeamento estratéxico ou un conxunto de recomendacións á administración local. Así aparecen algúns tópicos de calquera centro histórico: a percepción de inseguridade, o ruido da denominada "movida nocturna", fronte aos que mostra un listado de boas vontades. Sen dúbida, os estereotipos repítense nos centros históricos, pero habería que avaliar con máis precisión os motivos da especializaciòn funcional no ocio nocturno de detrerminadas rúas do centro histórico e non ofrecer unha imaxe homoxénea deste feito.

Nas conclusións interesa subliñar a hipótese do proceso de gentrificación como consecuencia da política de subvecionar segundo a capacidade económica e non cunha prioridade social. Igualmente penso que é moi relevante subliñar que a homoxeneidade morfolóxica e volumétrica non ten coincidencia coa social e económica, como fica de manifesto nas diferencias atopadas entre a Almendra Norte e Sur.

Desde a perspectiva teórica do estudio que realiza, creo que vaga a pena insistir na valentía de facer fronte a un reto moi grande, como é o de definir a calidade de vida5. A diferencia entre necesidades básicas e desexos penso que pode ser desenvolvida nun traballo posterior da mán da Xeografía da Percepción, que lle pode aportar moitas pistas para profundizar na interpretación das arelas subxectivas e as respostas sociais dos políticos.
 

Notas
 

1 A continua especialización do coñecemento científico sobre o social incidiu claramente na perda de identidade da Xeografía, que determinou o xordimento de novas disciplinas. A este respecto podemos consultar a síntese de CAPEL, Horacio. Geografía humana y ciencias sociales. Una perspectiva histórica, Barcelona: Montesinos, 1987.
 
2 Así o Anuario Social de España de 2003, editado pola Fundación "La Caixa" (Barcelona, 2003) elabora o índice de benestar social despóis de considerar 300 indicadores, dos que escolman un total de 89 que encadran en 12 áreas: renta, saúde, servicios sanitarios, nivel educativo, oferta cultural e de ocio, emprego, condicións de traballo, vivenda e equipamento do fogar, accesibilidade económica e seguridade vial, convivencia e participación social, seguridade cidadán e mediomabiental, medio natural e clima. Una vez que se clasifican fanse unha ponderación do valor de cada indicador e logo se combinan todos eles nun índice sintético provincial. Este refinamento técnico non evita as críticas aos rfesultados obtidos, como se pón de manifesto na análise concreta na escala municipal, con resultados moi dispares, que sen dúbida están relacionados con deficiencias estatísticas de base.
 
3 Neste senso desde a Xeografía tense realizado diversas aportacións. Así o caso da tese de doutoramento de Josep V. Boira sobre a cidade de Valencia( BOIRA MAIQUES, Josep V. La ciudad de Valencia y su imagen pública, Valencia: Universitat de València, 1992), o estudio de síntese de Constancio de Castro (CASTRO, Constancio de. La geografía de la vida cotidiana. De los mapas cognitivos al prejuicio regional, Barcelona: Serbal, 1997) o las síntesis didácticas de Pedro Reques e Josep V. Boira (REQUES, P.; BOIRA, J.V. Espacio subjetivo y geografía, Valencia: Nau Llibres, 1994).
 
4 Op. cit. nota 3. Tamén pode ser de utilidade o estudio descriptivo que realiza Xosé Fumega sobre a visión de Santiago de Compostela do estudiantado: FUMEGA PIÑEIRO, Xosé. Vivencias de Compostela, Santiago, Tórculo edicións, 1993.
 
5 Esta Memoria de Licenciatura foi defendida públicamente o día 7 de marzo de 2003 na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Compostela. O tribunal estivo presidido pola catedrática doctora Pilar de Torres Luna, sendo vocais María Isable Fernández Justo (Dpt. De Xeografía), Edelmiro López (Facultade de Económcias), Xosé M. Souto (profesor visitante de Compostela). Actuou como secretario o director da Tese, o profesor dr. Carlos Ferrás Sexto.

 
© Copyright: Xosé M. Souto González, 2003
© Copyright: Biblio 3W, 2003.
 

Ficha bibliográfica

SOUTO GONZÁLEZ, X.M. Macía Arce, Xosé Carlos. La calidad de vida en la ciudad histórica de Santiago de Compostela. Aproximación a los fundamentos teóricos y al análisis.  Biblio 3W, Revista Bibliográfica de Geografía y Ciencias Sociales, Universidad de Barcelona, Vol. VIII, nº 465, 5 de octubre de 2003. <http://www.ub.es/geocrit/b3w-465.htm>. [ISSN 1138-9796].


Volver al índice de Biblio 3W


Volver al menú principal