Biblio 3W
REVISTA BIBLIOGRÁFICA DE GEOGRAFÍA Y CIENCIAS SOCIALES
(Serie  documental de Geo Crítica)
Universidad de Barcelona 
ISSN: 1138-9796. Depósito Legal: B. 21.742-98 
Vol. X, nº 605, 30 de septiembre de 2005

EURO-REXIÓNS E CIDADANÍA NO NOROESTE PENINSULAR

 
Xosé Manuel Souto González
Instituto de Estudos Vigueses. Universidade de Valencia


Palabras-chave: Eixo Atlántico, Rede de cooperación europea, Planeamento rexional, Desenvolvemento local

Palabras clave: Eje Atlántico, red de cooperación europea, planeamiento regional, desarrollo local

Key words: Atlantic Axis, Cooperation European net, Regional Planning, Local Development


Índice

1ª Parte: O marco europeo e a Eurorexion
2ª Parte: Índice dos libros
Coclusions e propostas



 
A ampliación da Unión Europea, cun horizonte de 27 estados membros, leva implícita unha reordenación do poder político na representatividade dos cidadáns no seo das institucións políticas. As tensións entre os grupos sociais que representan intereses locais, rexionais, nacionais e internacionais xorden neste intre. As identidades nacionais e os sentimentos territoriais non sempre coinciden cos proxectos políticos. No caso do Eixo Atlántico imos dar conta de certos proxectos onde existe unha colaboración de institucións políticas de diferente escala administrativa (europea, estatal, autonómica e local) e onde se pretende que as e os cidadáns participen de actuacións públicas que dean lugar a unha rede social na zona transfronteiriza. En especial imos referirnos aos Segundos Estudos Estratéxicos, redactados no inicio do século XXI e presentados publicamente nun congreso que tivo lugar en Ourense nos derradeiros días  de marzo de 2005.

En anteriores números desta mesma revista electrónica1 xa tivemos ocasión de comprobar os proxectos territoriais que aparecen no noroeste peninsular, en especial a partir do pacto asinado por 13 municipios de Galiza e Norte de Portugal no ano 1992 e ampliado a 18 no ano 1997 (ver mapa 1). Deste xeito o lector puido comprobar como existía un proxecto desde o poder local para artellar desde as áreas urbanas ao resto do territorio. Un proxecto económico e territorial que se presentaba na acta fundacional como unha estratexia que permitirá facer fronte ao enorme potencial urbano que se estaba a desenvolver na Europa central e occidental, en especial no espazo denominado como banda azul, pero tamén como a resposta da Europa dos cidadáns, nun claro obxectivo de engaiolar aos veciños dos municipios co proxecto das institucións de seu2.


O asunto máis relevante consiste en avaliar até que punto un proxecto político e institucional é quen de chegar até as expectativas e intereses dos cidadáns. A este respecto cómpre considerar dous aspectos fundamentais que se encadran nas coordenadas do coñecemento histórico. Referímonos ás ligazóns existentes nas áreas transfronteirizas entre Galiza e Norte de Portugal e, máis en concreto, entre institucións de Vigo e  O Porto nos anos iniciais do século XX: sociedades excursionistas de Barcelos, O Porto, Viana e Vigo, asociacións proletarias de Vigo e do Porto, Cámaras de Comercio dunha e outra banda do río Miño3. E pola outra, a aprobación das estratexias do Eixo Atlántico, o que a través de estudos e informes pretende realizar unha diagnose rigorosa dos problemas coincidentes das trece cidades que empezaban unha andaina común en 1992, logo ampliada a 18 municipios. Isto deu lugar á aprobación dun plano estratéxico en 1994, que se revisou no ano 2005, como imos resumir nas liñas seguintes, e que nos servirá para avaliar cales son as expectativas do poder político europeo e local respecto á ordenación territorial e ao desenvolvemento social e económico contando coa participación cidadá.
 

1ª Parte O marco europeo das relacións euro-rexionais
 
A memoria histórica das relacións interfronteirizas de Galiza e o Norte de Portugal vai xermolar dentro das institucións europeas. En efecto, a partir de 1991 comezan os contactos formais entre os concellos do Porto e Vigo para organizar este ente xurídico, que tiña uns alicerces xurídicos na política europea posterior a Maastricht. O Comité das Rexións e Municipios de Europa (CMRE), a política rexional da UE coa institucionalización de táboas de traballo interestatais (como a Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal) e a publicación do Convenio Marco sobre cooperación transfronteiriza no seo da U.E. permitiu desenvolver o pacto intermunicipal de trece cidades que entendían que “os anos noventa están chamados a ser no terreo europeo o paso decisivo no recoñecemento e institucionalización da Europa das cidades”4.

Neste senso os trece alcaldes e presidentes das cámaras municipais representaron nese intre os intereses concretos dun espazo moi limitado superficialmente, pero moi densamente poboado. Ademais teñen a intelixencia de espallar o seu protagonismo cara aos outros territorios próximos, procurando que o Plano Estratéxico poida ser entendido como un programa de desenvolvemento territorial para todo o noroeste peninsular. Aquí reside, no meu xuízo, unha das principais premisas deste pacto local, que está a provocar unha estreita relación coas autoridades rexionais portuguesas e autonómicas galegas, de tal xeito que como podemos ver nas súas publicacións (dispoñibles na páxina web www.eixoatlantico.com) existiu unha colaboración moi estreita entre as diferentes institucións das diferentes escalas de xestión territorial.

Significa isto que o Eixo Atlántico é unha realidade asumida no funcionamento da xestión municipal e na percepción das e dos veciños? Non podemos responder afirmativamente a esta primeira cuestión, pois como mostra Raul Marques no seu estudo sobre as institucións municipais aínda existe un escaso coñecemento, sobre todo en Galiza, respecto dos poderes locais, que son percibidos como xestores distantes das preocupacións dos veciños5. Máis ben apuntamos a hipótese de considerar o Eixo Atlántico como unha institución que nace como resposta dos autarcas locais, especialmente os de Vigo e do Porto, ao funcionamento da Comunidade de Trabalho Galiza-Norte de Portugal, nacida un ano antes ao abeiro da política rexional da Unión Europea. Unha diferenciación de estratexias que acabarán por cohesionarse nun mesmo marco de funcionamento no ano 2000. O reto fundamental que aparece en ambas as dúas institucións é responder ás demandas sociais e facer fronte ás esixencias dos políticos locais, que non queren delegar competencias nun marco eurorrexional ou supramunicipal que pode limitar a súa capacidade de acción. Neste senso estamos nun problema moi semellante ao que se rexistrou noutros momentos históricos (organización provincial, as autonomías) onde un novo marco administrativo territorial impoñíase a outro anterior.

Se no ano 1991 constituíuse a Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, impulsada pola Xunta de Galiza e a Comissão de Coordinação da Região Norte de Portugal, un ano despois produciuse a declaración oficial (abril de 1992 no Porto) da constitución dunha entidade privada: O Eixo Atlántico. Agrupaba a trece cidades-municipios de Galiza e Norte de Portugal6, que formalizan o seu pacto o 28 de setembro dese mesmo ano na cidade de Viana do Castelo.

Este convenio de colaboración de trece cidades, logo dezaoito7, ten o seu fundamento legal no Convenio Marco de Cooperación Transfronteirizo entre comunidades e autoridades territoriais, publicado no Diario Oficial das Comunidades Europeas do 18 de outubro de 1990. En consecuencia, un mesmo marco legal para favorecer as relacións entre territorios de dous estados diferentes, pero que formaban parte da Comunidade Europea desde 1986. O seu pulo corresponde cunha estratexia rexional europea, do Consello de Rexións e Municipios de Europa (CRME), que deu lugar a un inzamento no número de municipios que estaban irmanados. Un feito salientábel para o Eixo será o Protocolo de Integración do Eixo Atlántico na Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, asinado o 28 de xuño de 20008, pois facilitaba a cooperación de dúas institucións con coincidencias no seus programas de actuación.

Os procesos de ensarillamento da poboación nun territorio de seu dependen en gran medida dos proxectos sociais, polo mesmo, das relacións de poder dun grupo hexemónico sobre o resto da colectividade. Asemade as condicións ambientais, as tradicións culturais e os niveis de desenvolvemento técnico determinan a funcionalidade do territorio. A clase dirixente europea vai impulsar un proxecto de ordenamento territorial que favorece o ensarillamento dos territorios no mercado global. A este respecto os Fondos Europeos de Cohesión teñen facilitado a redución das diferenzas territoriais entre os territorios que conformaron a Unión Europea no Tratado de Maastricht no ano 1992.

O Tratado da Unión no artigo 159 estabelece a necesidade de presentar cada tres anos un relatorio sobre os progresos na política de cohesión territorial. Sobre este principio legal realizouse o primeiro relatorio no ano 1996, que deu lugar á Axenda 2000 que xa prevía o horizonte dunha ampliación da U.E. No segundo relatorio de xaneiro de 2001 a Comisión Europea constata a redución das desigualdades entre os 15 estados da Unión (os tres máis pobres, España, Portugal e Grecia pasan do 68% sobre a media do PIB europeo no ano 1988 ata o 79% no ano 1999), pero as diferenzas entre as rexións non se reducen na mesma porcentaxe e mesmo aumentan as que se dan no interior das rexións. Neste contexto europeo é onde debemos englobar  o nacemento e primeiros pasos do Eixo Atlántico, ao se producir no contexto da Europa das rexións e das cidades, ou sexa aló onde son máis visíbeis as desigualdades.

Unha euro-rexión e un eixo de cidades

En consecuencia, a altura de 2004 temos unha eurorrexión de medio centenar de km2 (décima parte da península Ibérica) que agocha no seu interior a máis de seis millóns de habitantes, o que resulta unha densidade media superior á ibérica, cunha paisaxe rural característica. E no cerne desta eurorrexión aparece un pacto intermunicipal que actúa como fulcro da dinámica social e económica desde as cidades. Un pacto que representa a unha terceira parte da poboación eurorrexional e cunha superficie que escasamente chega ao 9 por cento do total. Isto é, un espazo máis denso, economicamente diversificado e dinámico, socialmente contrastado e politicamente máis complexo, pois require do esforzo conxunto e complementario dos dezaoito municipios, unha organización administrativa que nos retrotrae ao primeiro terzo do século XIX para facer fronte aos retos do século XXI.

Unha eurorrexión que se vai alicerzando nun conxunto de novas dinámicas culturais, económicas e sociais, entre as que algunhas son patrocinadas polo Eixo Atlántico, en tanto que persoa xurídica de ámbito supramunicipal, como son os seguintes exemplos:
-Bienal de Pintura do Eixo Atlântico; premio Eixo Atlântico - La Voz de Galiza de Narrativa Galega e Portuguesa; Festivais de teatro e cine do Eixo Atlântico; xogos do Eixo Atlântico; regatas e torneios de balonmán do Eixo Atlântico;

-Cooperación para o desenvolvemento do cluster automóvel9 establecida entre o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galiza (CTAG) e o Centro de Excelência e Inovação Industria Automóvel (CEIIA) para explorar complementariedades nun sector cun produto global que poderá ter um efecto de fulcro no desenvolvemento eurorrexional10;

-Cooperación transfronteiriza para a consolidación de empresas na Galiza e Norte de Portugal (proxecto CONSOLIDA – INTERREG IIIA) estabelecida entre CEEI Galiza SA; Consorcio da Zona Franca de Vigo; Unrisco Galiza, SCR; Bic Minho; Idite Minho. Proxecto que pretende incrementar a información sobre oportunidades existentes na eurorrexión, mellorar o coñecemento da realidade económica da Galiza e Norte de Portugal, así como fortalecer as estruturas de xestión de novas empresas e facilitar a asistencia técnica e a implementación de instrumentos para optimizar as competencias profesionais dos cadros directivos;

-Proxecto MRI – Mobilizar a Região para a Inovação (INTERREG IIIA) para desenvolver un ambiente favorábel á innovación eurrorexional a través da promoción da innovación e dos niveis de desenvolvemento tecnolóxico das actividades das empresas e infra-estruturas tecnolóxicas rexionais;

-Proxecto CIC-COMMERCE (INTERREG IIIA) para promover a adopción das TIC (Tecnoloxias da Información e da Comunicación) no comercio polo míudo;

-Proxecto CASTRENOR - Cultura Castrexa no Noroeste Peninsular (INTERREG IIIA) estabelecido entre a Universidade do Minho e a Xunta de Galiza - Consellaría de Cultura, Comunicación Social e Turismo, con vistas a crear unha rede temática para a promoción da arqueoloxia castrexa, así como potenciar e valorizar o patrimonio arqueolóxico, desenvolvendo unha ruta da cultura castrexa de cariz transfronteirizo, fomentando dinámicas culturais entre o Vale do Ave e a Galiza no dominio da valorización do patrimonio arqueolóxico, etc.;

Para alén dos exemplos anteriormente referidos, aínda existe a posibilidade mal explorada das colaboracións para o desenvolvemento rural no ámbito da Iniciativa Comunitária LEADER + (vector 2 – cooperación transnacional) para promoveren conxuntamente diferentes produtos da terra, itinerarios turísticos, gastronomía, utilización das TIC na desconcentración de tarefas e na promoción do teletraballo, etc. Unha panoplia de medidas ás que habería que engadir a candidatura que promoven algunhas institucións locais, culturais e sociais, para que Galiza e Norte de Portugal poidan ser a través da cultura popular un fito relevante como Patrimonio Inmaterial da Humanidade11.

As directrices políticas da Unión Europea nos Estudos Estratéxicos

No ano 1994, cando comezaba a súa andaina o Eixo Atlántico, constituído había dous anos por trece municipios de Galiza e Norte de Portugal, elaborouse o Primeiro Estudo Estratéxico, realizado baixo a dirección de Quaternaire (en Portugal) e Oficina de Planeamento en Galiza. O estudo presentado no ano 1995, foi debatido por unha morea de axentes políticos, económicos e sociais e posteriormente editado case na súa totalidade. Os seus obxectivos apuntaban á necesidade de xerar un espazo político urbano e unhas infraestruturas que permitisen relacionarse os cidadáns do Eixo dentro dun modelo urbano rexido por actividades terciarias e por unha oferta do ensino superior.

Sobre este documento inicial leváronse a cabo novos estudos complementarios, ben desde as entidades locais, que no ano 1997 xa foron 18 municipios, ou desde as institucións autonómicas e rexionais. De feito a Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, constituída en outubro de 1991, presentou e desenvolveu abondosos programas de actuación que incidían sobre as áreas de influencia das grandes cidades.

Chegados á altura do ano 2002 observouse que moitos dos proxectos previstos nos Primeiros Estudos Estratéxicos xa estaban realizados, mentres que xurdían novas necesidades ante o aumento do proceso de globalización e co obxectivo de non perder peso competitivo na Europa dos 25 erstados que se albeira para o mes de maio do 2004. A oportunidade de crear unha complementariedade entre os diversos espazos que conforman a eurorrexión do noroeste peninsular ten un fulcro significativo no Pacto Local do Eixo Atlántico, pois as cidades sempre constituíron as vangardas do dinamismo económico, social e cultural de calquera espazo xeográfico máis amplo.

Polo mesmo e considerando as directrices políticas que xorden de instancias superiores (Unión Europea, gobernos de España e Portugal, Xunta de Galiza e Comissão de Coordenação e Desenvolvemento Regional da Região Norte de Portugal) parece oportuna a revisión do planeamento que se realizou hai case dez anos. En especial debemos ter en conta as políticas rexionais europeas, e máis concretamente as que afectan aos períodos 2000-2006 e 2007-2013.

Así para o período do inicio do milenio apúntase estratexicamente tres tipos de actuacións: en primeiro lugar desenvolver as condicións para o crecemento do emprego no seo da competitividade rexional; en segundo lugar unha política de creación de emprego que implique a loita contra da exclusión social e, por último, un desenvolvemento urbano e rural que favoreza un ordenamento territorial equilibrado. Na Unión dos Quince as prioridades radicaban na coexistencia dun crecemento do emprego e da actividade económica cunha política de cohesión territorial, de tal xeito que as prioridades territoriais aparecen máis marcadas cás sociais. O cadro 1 recolle as prioridades estratéxicas dos dous sexenios que inician o século XXI
 

Cadro 1. 
Directrices para os programas de desenvolvemento rexional.
Períodos
2000-2006
2007-2013
Prioridades Estratéxicas
1.Competitividade rexional
2.Estratexia para emprego
3.Desenvolvemento rural e urbano integrado
1.Desenvolvemento sustentábel
2. Cidadanía europea: liberdade, xustiza, acceso aos bens
3. Competitividade a escala mundial
Principios fundamentais
Desenvolvemento sustentábel
Igualdade de oportunidades
Principios de gobernanza
Crecemento da riqueza 
Papel no escenario mundial
Fonte: COMISIÓN DAS COMUNIDADES EUROPEAS. Directrices dos Programas 200-2006, COMISIÓN DAS COMUNIDADES EUROPEAS. Retos políticos y medios presupuestarios de la Unión ampliada (2007-2013)

Os principios básicos que inspiraban estas directrices publicadas pola Comisión o día 22 de setembro de 1999 insistían en dous puntos esenciais: o desenvolvemento sustentábel e a igualdade de oportunidades, co obxectivo de incorporar á poboación activa as mulleres e os inmigrantes. Xunto a estes dous principios transversais aparece outro que vai ser un dos eixos do próximo sexenio: a cooperación centralizada, eficaz e ampla, co obxectivo de lograr aumentar as sinerxias derivadas da mellora das competencias nun sistema de cooperación. Este aspecto parece fundamental cando estudamos o Eixo Atlántico, pois se no caso da U.E. procúrase crear unha cohesión territorial de 15 estados para competir no mercado global, no caso da eurorrexión vaise pretender que os 18 municipios teñan a capacidade de artellar un espazo xeográfico de 50.835 km2 ocupado por máis de seis millóns de persoas. Un territorio eurorrexional onde se aprecia unha desigualdade nas densidades a favor do litoral (ver mapa 2) como consecuencia do proceso de industrialización e urbanización que é máis intenso no litoral, que aproveitou as vantaxes do comercio marítimo e da pesca.
 

Unha eurorrexión que é periferia na Europa dos quince, pero que muda de situación coa ampliación na Europa dos vintesete no período final do primeiro decenio do século XXI, onde se prevé un cambio no sistema e número de instrumentos de financiamento, así como tamén a incidencia que vai ter a chegada de novas rexións de Europa oriental á Unión Europea, pois elas serán as primeiras destinatarias dos fondos de cohesión e das políticas de deslocalización das empresas multinacionais. Xorden novos escenarios que se definen na simplificación dos fondos europeos a dous instrumentos fundamentais: FEDER e FSE.

A situación periférica da eurorrexión vén determinada por un tipo de emprego que ten escasa relevancia no crecemento do Produto Interior Bruto (PIB), que é inferior ás medias rexistradas en España e Portugal, o que non facilita a converxencia coa Unión Europea, que posúe unha media moi por enriba das rexistradas nos territorios de Galiza e Norte de Portugal (ver cadro 2). E sobre todo, o que subliñan as estatísticas europeas é a lonxanía que existe respecto á innovación tecnolóxica, como se pode comprobar nos índices de solicitudes de patentes. Isto é , atopámonos nunha eurorrexión periférica con problemas de emprego, cunha poboación vella no caso de Galiza e cunha importante presión da poboación nova por atopar emprego no Norte de Portugal. Son retos sociais que se visulizan no territorio e onde as cidades aparecen como áreas de vangarda para intentar mudar esta situación. Cómpre subliñar que no período transcorrido entre o momento da  adhesión de España e Portugal á Comunidade Europea os índices do PIB per cápita de ambos os dous estados achegáronse á media da U.E.; así Portugal pasa dun índice de 58,9 no ano 1988 a 70,7 no ano 2002 e no caso de España sobe de 74,0 ata 84,2, o que tamén sucede no caso de Galiza e Norte de Portugal que posuían uns índices que estaban entre 51,4 (Norte de Portugal) e 57,9 (Galiza) no ano 1988.
 

Cadro 2
Principais indicadores rexionais europeos, 2001-2002
 
UNIÓN EUROPEA 15
ESPAÑA 
PORTUGAL
GALIZA
REGIAO N. PORTUGA
Poboación
379.604.000
40.266.000
10.293.000
2.726.000
3.646.000
Densidade
117,0
79,8
112,0
92,6
171,3
Crecemento PIB 1995-2001
2,5
3,7
3,5
2,8
2,6
PIB per cápita
100
84,2
70,7
66,5
56,9
Sector de emprego
Emprego Prim
4,0
5,9
12,4
12,9
11,4
Emprego secun
28,2
31,8
33,9
32,8
43,3
Emprego  terz
67,7
62,9
53,8
54,3
45,4
Solicitudes patentes/habt.
153,6 por millón
24,1 por millón
4,7 por millón
5,0 por millón
4,3 por millón
Fonte: COMISIÓN EUROPEA. Una nueva asociación para la cohesión, Luxemburgo: Comunidades Europeas, 2004.

A este respecto os Segundos Estudos Estratéxicos consideran as directrices de política territorial emanadas da proposta da Comisión Europea sobre os proxectos para o período 2007-2013. Existen neste documento tres grandes prioridades programáticas: creación de novo emprego nos espazos menos desenvolvidos (Converxencia); anticiparse aos cambios rexionais e fomentalos (Competitividade); dar pulo ao  desenvolvemento harmonioso e equilibrado do territorio da Unión (Cooperación). Neste último punto existe unha referencia explícita ao papel das cidades, pois se identifica a súa función como centros de desenvolvemento económico, aínda que teñan problemas ambientais e de restruturación económica. Simultaneamente, deféndese ademais neste documento que os territorios rurais son espazos prioritarios dunha intervención que reforce a competitividade da agricultura ancorada nos xoves agricultores, que asegure a xestión dos espazos protexidos e que fomente a diversificación da actividade económica nun sentido lato, condicións indispensábeis para a construción dun sistema urbano equilibrado e sustentábel.

Obxectivos dos Segundos Estudos Estratéxicos

O cadro 3 manifesta algúns dos obxectivos que se programaron nos primeiros e segundos estudos estratéxicos para poder observar a transformación nas expectativas que se perseguen. Neste senso chamamos a atención aos cambios derivados da focalización dos intereses sobre o territorio ou ben sobre a poboación, un equilibrio sobre o que se vertebra calquera proxecto de política administrativa territorial.
 

Cadro 3
Unha comparación entre os Estudos Estratéxicos
Obxectivos dos Primeiros Estudos Estratéxicos (1993-94)
Obxectivos dos Segundos Estudos Estratéxicos (2004-2005)
§Mostrar os perfís económicos terciarios das cidades do Eixo
§Caracterizar o modelo territorial do Eixo sobre as compoñentes demográfica, aloxamento e infraestruturas
§Avaliar as novas dinámicas emerxentes
§Mostrar un sistema urbano funcional nunha eurorrexión rural, tratando de incorporar o interior ao dinamismo do litoral
§As competencias administrativas, procesos sociais e organización do territorio. A práctica da gobernanza. 
§Estratexias de cooperación entre cidades e medio rural
§Buscar a complementariedade do desenvolvemento sustentábel local: potenciar as boas prácticas
Fonte: Elaboración propia.

Polo mesmo, estes estudos van facer referencia explícita á creación dun marco territorial administrativo no seo da Unión Europea, antes denominada Comunidade Económica Europea, que se ampliou a doce estados no ano 1986 coa incorporación precisamente de España e Portugal. A política rexional das institucións europeas son as responsábeis directas da creación da eurorrexión e mesmo do pulo que levou a constitución oficial do Pacto Intermunicipal que coñecemos como Eixo Atlántico.

Contidos dos Segundos Estudos Estratéxicos

 
Os estudos estratéxicos realizados no período 2004-2005 pretenderon avaliar o funcionamento dos diferentes municipios co obxectivo de mostrar as complementariedades existentes e reforzar os vencellos de relación entre os concellos. Por unha banda procurábase continuar coas políticas de relacións intermunicipais entre pobos dun lado e outro da fronteira, que como se comentou tiñan unha tradición de cando menos cen anos. Por outra, intentouse definir unha conxunto de liñas estratéxicas que sirva para o desenvolvemento social e territorial desta eurorrexión. A síntese dos tres libros permite facer unha idea do que se expuxo en Ourense12. Os textos dos tres libros publicáronse nun DVD, que ía acompañado de dous documentos en papel: a presentación do estudos e a súa síntese, que se corresponde co denonimado libro 4.

2ª Parte: Índice dos libros


LIBRO I : SISTEMA URBANO E DESENVOLVEMENTO SUSTENTÁBEL

O desenvolvemento territorial sustentábel desde os municipios do Eixo AtlánticoOs estudos do sistema urbano do Eixo Atlántico pretende responder aos novos retos de ordenamento territorial e crecemento económico e social no limiar do terceiro milenio. Tal como se referiu no conxunto dos tres libros precisamos elaborar un diagnóstico sobre os grandes dilemas do crecemento sustentábel. No capítulo Introdución,  deste primeiro libro, explícase con máis precisión os seus obxectivos. O esquema metodolóxico deste libro é o que sigue:

INTRODUCIÓN: Obxectivos e metodoloxía
 

Características do Pacto do Eixo Atlántico
Sistema urbano da eurorrexión
Diagnóstico territorial e demográfico dos 18 concellos do sistema urbano
Uns recursos para o crecemento sustentábel
Análise do contexto planetario e europeo
Política rexional europea, sociedade das TIC
Orientacións para o desenvolvemento
Prácticas axeitadas nos concellos

Como podemos observar na columna da esquerda aparecen os grandes conceptos que facilitarán o diagnóstico xeográfico das cidades do Eixo, mentres que na dereita contamos cos datos e instrumentos empíricos que nos permitirán facer o dito estudo.

I.- DIAGNÓSTICO XEOGRÁFICO DO SISTEMA URBANO
 

CAPÍTULO 1
CAPÍTULO 2
CAPÍTULO 3
Desequilibro territorial interior/ litoral. Proceso de periurbanización. Poboamento espallado 
Recuperación da imaxe do centro histórico como identidade. Desequilibrio na oferta de vivenda
Procura de coherencia no planeamento en diferentes escalas
Resulta posíbel crecer sen crear máis desigualdades? Que estratexias favorecen o sistema policéntrico?
Resulta factíbel xerar unha imaxe de identidade e dar resposta ás demandas da sociedade?
Pódese facer compatíbel un crecemento inmobiliario e socioeconómico coa conservación da paisaxe?

A análise territorial debe saber avaliar as diferenzas entre un territorio diverso e heteroxéneo e un espazo desigual. Nun caso a diversidade é positiva, noutro caso as diferenzas son negativas, pois reproducen diferentes ritmos de crecemento económico, de uso dos recursos ecolóxicos, da organización do territorio para lles dar resposta ás necesidades humanas.

II.- MARCO XURÍDICO POLÍTICO QUE CONDICIONA O FUNCIONAMENTO DO SISTEMA URBANO
 

CAPÍTULO 4
CAPÍTULO 5
O marco xurídico estatal: autonomías, autarquías locais, competencias e financiamento conflitivo
Marco político rexional europeo: Discontinuidades no espazo atlántico: situación periférica respecto á U.E.
Resulta factíbel ampliar as competencias do Pacto Intermunicipal? Como se pode reordernar o mapa municipal para facer fronte aos retos actuais?
Cal é a estratexia que se debe pular desde o Eixo Atlántico para rachar coa situación periférica europea?

O estudo do marco xurídico revela o peso da burocracia das administracións como limitador das propostas de acción das entidades locais. Igualmente a situación da eurorrexión no conxunto da U.E. mostra signos evidentes de periferia. En calquera caso o diagnótico apunta a posíbeis solucións para superar ou paliar esta situación.

III.- OS RECURSOS E TECNOLOXÍA PARA O DESENVOLVEMENTO SUSTENTÁBEL NO EIXO ATLÁNTICO
 

CAPÍTULO 6
CAPÍTULO 7
CAPÍTULO 8
O reto da accesibilidade aos bens económicos e sociais: a mobilidade
Novas necesidades de información e recursos tecnolóxicos 
As respostas individuais, sociais e institucionais no uso das TIC
Resulta factíbel mellorar a accesibilidade desde a organización dos medios e non tanto das infraestruturas?
Como se pode desenvolver desde o Eixo Atlántico a modernización das tecnoloxías da información?
Que tipo de medidas podemos establecer para evitar a marxinalidade e perda de conexión coa sociedade global?

A formación académica, o desenvolvemento económico e tecnolóxico, a estrutura cultural dun espazo xeográfico determinan os niveis de recursos técnicos para poder crecer sen estragar os recursos. No eido da mobilidade urbana e nas tecnoloxías da información podemos avaliar o ritmo de axeitamento das infraestruturas técnicas ante as demandas sociais.

IV.- ORIENTACIÓN PARA A TOMA DE DECISIÓNS
 

CAPÍTULO 9
CAPÍTULO 10
CONCLUSIÓNS
Modelo de cidade sustentábel
Instrumentos para a toma de decisións
Exemplos de boas prácticas nalgúns concellos
Que medidas favorecen o desenvolvemento sustentábel desde as cidades cara ao sistema?
Que requisitos e estratexias podemos utilizar para xerar un SIX nos concellos?
Cal é o papel do Eixo Atlántico como Pacto Intermunicipal na difusión da información axeitada?

Os estudos estratéxicos non representan un planeamento impositivo, restritivo de usos ou accións. Pola contra pretende orientar en propostas de actuación que favorezan a cooperación entre as cidades do Eixo. Para isto imos facer un catálogo de boas prácticas, para deste xeito difundir a información positiva entre os concellos.

COORDENACIÓN: Xosé M. SOUTO. Instituto de Estudos Vigueses. Universidade de Valencia.

Introdución: Presentación, obxectivos e metodoloxía. X.M. Souto

Capítulo 1: O dinamismo do sistema urbano e o desenvolvemento local. Raul MARQUES. (Instituto de Estudos Geográficos. Universidade de Lisboa).

Capítulo 2: A rehabilitación urbana dos centros históricos e a política de vivenda. Miguel MARTÍNEZ (Universidade da Coruña).

Capítulo 3: Ordenamento do território: planeamento existente e estratexias de desenvolvemento. Manuel CORREIA FERNÁNDES (Arquitecto. Universidade do Porto), María A. LEBOREIRO (Presidenta en Vigo do Colexio Arquitectos de Galiza en Vigo; Universidade Politécnica de Madrid)

Capítulo 4: Os poderes locais e o desenvolvemento local. Financiamento e modelo competencial. Román RODRÍGUEZ (Universidade de Santiago de Compostela) e Santiago LAGO, Víctor MONTES (Universidade de Vigo)

Capítulo 5: Eixo Atlántico e Arco Atlántico. Rui AZEVEDO e Frederico FERREIRA (CPRM do Arco Atlántico, Univ. Porto)

Capítulo 6: A accesibilidade e os desprazamentos no Eixo Atlántico. Miguel PAZOS OTÓN (Universidade de Santiago de Compostela)

Capítulo 7: Infraestruturas de soporte á sociedade do Coñecemento nos concellos da Eurorrexión Galiza – Norte de Portugal. Xoán LEICEAGA e Esteban LÓPEZ FIGUEROA (Universidade de Vigo)

Capítulo 8: Sociedade do coñecemento e novas tecnoloxías da información no Eixo Atlántico Carlos FERRÁS, F.X. Armas, C. Macía, D. Santomil ( GIS-T, IDEGA, Universidade de Santiago de Compostela)

Capítulo 9: Sistemas de información municipal y de soporte a la toma de decisiones para el planeamiento estratégico. Francesc CÀRDENAS (Barcelona Ecología)

Capítulo 10: Modelo de cidades e desenvolvemento sustentábel: ciclo do auga e enerxía. Salvador RUEDA (Barcelona Ecología)

Análise crítica dos documentos en Norte de Portugal. José A. RIO FERNANDES. Xeógrafo. Profesor Catedrático da Universidade do Porto.

ANEXOS

1: Listaxe de técnicos e políticos que colaboraron nos traballos de campo

2: Gobernanza e planeamento territorial. Ana LORENZO, Xaime SUBIELA, Jorge FENTE, Rosa MUÑIZ, Lois GARCÍA. Equipo de socioloxía Cidadanía.

3: O sistema ecolóxico na Eurorrexión. Os parques naturais. Ana CAMPILLO, Gonzalo MÉNDEZ. Universidade de Vigo.

4: A poboación na eurorrexión e no Eixo Atlántico. Abel LOSADA ÁLVAREZ. Profesor de Historia e Institucións Económicas. Universidade de Vigo

5: O planeamento e a percepción cidadá. Manuel PÉREZ RÚA. Sociólogo.

6: O marco xurídico das competencias municipais. Josefa E. SALVADOR. Xurista-letrada da Generalitat Valenciana

7: O transporte marítimo e ferroviario. Julio ALVAREZ RODRÍGUEZ. Profesor de Transportes y Ferrocarriles. Universidad Carlos III. Madrid

8: O transporte aéreo. Arturo BENITO. Profesor de Transporte Aéreo. Universidad Politécnica de Madrid.

LIBRO II: POLÍTICAS SOCIAIS E CIDADANÍA

A política social e a calidade dos equipamentos urbanos.

COORDENACIÓN: Xan BOUZADA (Universidade de Vigo)
1.- Obxectivos
O libro segundo pretende analizar varios obxectivos simultáneos que poden ser resumidos nos seguintes:
*Atender aos grandes obxectivos sociais que están a definir e a orientar as políticas sociais da Unión Europea de cara a avanzar no seu achegamento á realidade concreta das cidades do Eixo Atlántico na súa calidade de fermento da Eurorrexión

*Estabelecer para isto un diagnóstico xeral da situación da Eurorrexión e do sistema de cidades do Eixo no relativo ao desenvolvemento das políticas sociais urbanas e ao avance nos modelos de xestión municipal

*Derivar dos estudos de caso realizados unha diagnose relativa ás fortalezas e a aquelas boas prácticas que están a permitir melloras e avances nas situacións de partida así como tamén a elucidar as principias dificultades e atrancos, internos e externos, existentes

*Centrarse de maneira particular no estudo daqueles aspectos das políticas sociais (saúde, educación, cultura, igualdade, asociativismo-participación) que remiten ás competencias específicas dos concellos e cámaras municipais

2.- Capítulos que integran o libro segun

O libro segundo está integrado polos seguintes capítulos:

I.-   As políticas culturais municipais no sistema de cidades do Eixo Atlántico. Xan M. BOUZADA FERNÁNDEZ. Universidade de Vigo.

II.-  Educación e cidadanía na Euro-rexión. Ana Paula PEREIRA MARQUES. Universidade do Minho

III.- A política de igualdade de oportunidades

a) Servizos sociais para a igualdade nas cidades da Eurorrexión. Ana Paula PEREIRA MARQUES, Mª Rita MOREIRA e Carlos VEIGA VELOSO. Universidade do Minho

b)   A igualdade de oportunidades na perspectiva de xénero. María do Pilar GONZÁLEZ. Universidade do Porto

IV.- O asociativismo na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Carlos VEIGA VELOSO. Universidade do Minho

V.-  A saúde nas cidades do Eixo Atlántico.    Isauro GÓMEZ TATO. Consellería de Sanidade. Xunta de Galiza

VI.- A xestión pública nas administracións locais de Galiza e Norte de Portugal

Enrique J. VARELA ALVAREZ. Universidade de Vigo

3.- Contidos dos capítulos

O traballo realizado por parte de cada un dos expertos responsábeis dos capítulos foi estabelecido tras a realización de varias xuntanzas de traballo, dirixidas a achegar e  equilibrar os respectivos enfoques.

En función dos criterios de coordenación acordado polo equipo de investigadores estabeleceuse o criterio de que cada un dos capítulos (asumíndose unha certa variabilidade baseándose nos contidos específicos de cada deles) cóntase cos seguintes apartados:

1.- Situación do ámbito de análise e posicionamentos ao respecto por parte da Unión Europea

2.- Situación na Eurorrexión do ámbito do que se trate (cultura, educación, saúde....,) elaborada a partir de datos xerais procedentes de fontes secundarias dispoñíbeis respecto da situación.

3.- Situación do ámbito no sistema de cidades do Eixo Atlántico elaborada a partir dos datos recollidos directamente nas fontes de información primarias dos respectivos servizos municipais das diferentes cidades.

4.- Estudos de  casos afondados (en catro cidades do Eixo) nos que se traten as características do servizo e/ou se recolla información estratéxica contrastada con algúns dos actores protagónicos de ámbito municipal en cada un dos ámbitos de análise.

5.- Elaboración dun cadro de puntos fortes/pontos fracos (e mesmo dun diagnóstico DAFO en caso de contar con información-base suficiente) acerca da situación no sistema de cidades do Eixo. Esta información elaborada serviría de soporte para o estabelecemento das conclusións.

LIBRO III. COMPETIVIDADE E INOVACIÓN

 
A innovación tecnolóxica, as iniciativas empresariais e a competitividade europea
COORDENACIÓN: Antonio FIGUEIREDO (Universidade do Porto. Quaternaire.)
INOVACIÓN E COMPETITIVIDADE NAS CIDADES DO EIXO ATLÁNTICO E SUAS ÁREAS DE INFLUENCIA

A innovación na perspectiva de análise

En relación co Primeiro Estudo Estratéxico do Eixo Atlântico, a análise dos niveis de innovación e competitividade das 18 cidades do Eixo e dos territorios que constitúen as súas áreas de influencia representa un factor de novidade. A innovación introducida non representa unha simple moda ou factor de conveniencia. Esta corresponde á necesidade de contribuír para unha nova visión estratéxica das prioridades que se lles colocan ás políticas públicas rexionais e locais dirixidas para un territorio máis vasto no que as 18 cidades exercen a súa influencia.

Na actualidade, con diferentes graos de internacionalización, as 18 cidades do Eixo Atlántico intégranse nun territorio meirande que cumpre aínda as características de rexións desfavorecidas, coas características coñecidas de perifericidade, de desvíos estruturais do produto per cápita respecto á media da Unión Europea e de marxinalidade funcional típicas deste tipo de territorios.

Os desafios que se colocan a estas rexións configuran unha mudanza de perspectiva no modo de acesso ao co-financiamento estrutural. Os obxectivos da cohesión económica e social se traducen, exclusivamente, en procesos de redistribución do consumo público, co-financiado por fondos públicos e comunitarios. Existe hoxe unha tendencia crecente para favorecer positivamente a capacidade endóxena desas rexións, para promover mellores condicións de emprendemento e iniciativa, asumindo riscos para xerar condicións máis favorábeis de innovación e competitividade.

O Segundo Estudo Estratéxico do Eixo Atlántico proporciona un primeiro contributo para que os temas da innovación e competitividade, empresarial e territorial, asuman un peso crecente na axenda política dos municipios integrantes, da propia asociación e na capacidade de xerar proxectos de cooperación consecuentes neste plano de análise para a Eurorrexión en proceso de estruturación.

Con esta postura, preténdese que a axenda da innovación e da competitividade non tenda a ser un exclusivo das rexións afluentes da Unión Europea. Embora perspectivada de modo distinto dos termos en que tal axenda colócase nas rexións da fronteira do desenvolvemento tecnolóxico, a aposta na innovación e na competitividade constituíu unha oportunidade para que os territorios organizados polas 18 cidades do Eixo Atlántico contribúan activamente para o proceso de construción europea e para a mellora dos indicadores estruturais que mostran o grao de cumprimento da Estratexia de Lisboa.

A innovación na metodoloxía

Do punto de vista científico, o estudo esixiu unha orientación mais vasta, resultado da colaboración de sectores relevantes da investigación económica europea, segundo a cal os temas da innovación e da competitividade empresariais non poden ser disociados da competitividade territorial e, dentro desta, do papel que as cidades poden representar neste proceso como catalizadores de recursos e ambiente favorábel á innovación

O Libro 3 estruturouse, así, arredor dunha visión sistémica da competitividade, que coloca as dinámicas das empresas de capital privado e de capital social no centro do proceso. O espazo organizacional da empresa articúlase, porén, cunha envolvente relevante en termos de factores complementares de competitividade, nos que os factores de natureza territorial asumen un papel diferenciador que non pode ser ignorado.

Os dominios da formación de capital humano e da produción de coñecemento técnico socialmente útil, a oferta localizada de servizos avanzados ás empresas nun clima de forte interacción coas dinámicas de innovación das firmas, as infra-estruturas produtivas e as externalidades a elas asociadas, os inter-faces Universidade-empresa, as institucións dedicadas á difusión do coñecemento técnico e as condicións de internacionalización das empresas puntúan nesa envolvente de factores complementares de competitividade. Non é difícil recoñecer nesta mostra de factores a presenza das cidades como catalizadoras de recursos e dinámicas territoriais favorábeis á súa emerxencia.

A principal mensaxe do Libro 3 consiste en achegar os tipos de interacción posíbel entre a dinámica de afirmación competitiva das 18 cidades do Eixo Atlántico e a creación de climas propicios á emerxencia de niveis acrecidos de innovación e competitividade empresarial no espazo da Eurorrexión. Tradicionalmente, estas materias son encaradas como espazos de intervención para as políticas públicas de matriz nacional e rexional. As políticas locais colócanse, regra xeral, fóra desas prioridades de intervención. Isoladamente consideradas e en termos de masas críticas de recursos potenciadores de estas estratexias de intervención, é comprensíbel tal afastamento.

No entanto, as cidades do Eixo Atlántico, por un lado, animan e organizan espazos máis amplos, tal como se desprende das conclusións do Libro 1. Por outro lado, nun territorio carenciado de factores de inovación como a Eurorrexión, as cidades do Eixo concentran unha masa non carente de recursos estratéxicos.

Os contributos proporcionados polo Libro 3 insírense así nunha lóxica de sensibilización das autoridades políticas municipais para que estes temas se transformen en novas prioridades da axenda política e da súa política de cooperación no plano nacional e internacional. Simultaneamente, preténdese sensibilizar os poderes públicos rexionais e nacionais para o papel activo que as políticas e os axentes urbanos poden exercer nas estratexias de innovación e competitividade.

Complementariamente, o estudo alerta para os efectos perversos que poden resultar dunha achega exclusivamente tecnolóxica dos temas da innovación e da competitividade neste tipo de territorios. A pertinencia desta alerta é positivamente corroborada pola relevancia de dous estudos realizados no guión do Libro 3. Por un lado, a achega do turismo evidencia que a innovación e competitividade pode ser colocada ao servizo de niveis elevados de aproveitamento e valorización de recursos endóxenos locais, valorizando organizacional, institucional e empresarialmente recursos e marcos patrimoniais dificilmente valorizábeis e preservábeis noutro esquema de traballo. Por outro lado, a achega do sector agro-forestal evidencia que, mesmo nun sector atravesado por unha crise estrutural profunda, as dinámicas de innovación e competitividade en curso constitúen oportunidades de captación e fixación de servizos por parte das cidades.

Organización  dos estudos do Libro 3

O Libro 3 está organizado segundo un texto central que asume o papel de fío condutor e chave de lectura dos diferentes contributos técnicos, que son presentados como contributos autónomos, reflictindo a composición do equipo responsábel da súa elaboración.

A estrutura do libro é a seguinte:

Relevancia dos obxectivos e das políticas de innovación e competitividade. Antonio Manuel FIGUEIREDO. Universidade do Porto. Quaternaire.

Conceptos fundamentais de referencia e metodoloxía de desenvolvemento dos traballos. Antonio Manuel FIGUEIREDO. Universidade do Porto. Quaternaire.

Condicionantes nacionais e rexionais dos niveis de innovación e competitividade das 18 cidades do Eixo Atlántico e súas áreas de influencia. Antonio Manuel FIGUEIREDO. Universidade do Porto. Quaternaire.

Dinámicas empresariais e dinámicas territoriais: os retos e desafios das iniciativas privadas. Fernando GONZÁLEZ LAXE. Universidade da Coruña; Daniel BESSA. Universidade do Porto. Escola de Gestão.

As cidades do Eixo e os sistemas de innovación. José Andrés FAÍÑA, Antonio GARCÍA LORENZO, Isabel NOVO CONTI, Guillermo MANSO (Grupo Jean Monet, Universidade da Coruña). Antonio Manuel FIGUEIREDO. Universidade do Porto. Quaternaire.

Factores complementarios de competitividade e innovación – servizos avanzados ás empresas e dotación de capital humano. Antonio Manuel FIGUEIREDO. Universidade do Porto. Quaternaire

Competitividade e innovación no sector turístico – unha nova oportunidade de valorización de recursos endóxenos na economía global. Xulio PARDELLAS e Carmen PADÍN (Universidade de Vigo), Xerardo PEREIRA, António SOUSA SILVA (Universidade Tras-Os-Montes e Alto Douro)

Dinámicas de mudanza e crise no sector agro-florestal. Américo MENDES. Universidade Católica Portuguesa.Síntese de conclusións. Antonio Manuel FIGUEIREDO. Universidade do Porto. Quaternaire.

Perspectivas de cooperación e orientacións en termos de políticas públicas. Antonio Manuel FIGUEIREDO. Universidade do Porto. Quaternaire.

 
Conclusións e propostas de actuación

Finalmente para facilitar o debate no congreso de Ourense, así como a consulta de políticos e técnicos locais, decidiuse editar un libro resumo, que recollía as principais conclusións do estudo. O índice deste cuarto libro é o seguinte:


1.-Sistema urbano sustentábel. Xosé M. SOUTO GONZÁLEZ

2.-Políticas sociais e culturais desde os concellos. XAN BOUZADA FERNÁNDEZ

3.-Competitividade eurorrexional e complementariedade. O turismo e a súa influencia sobre o desenvolvemento sustentábel. António FIGUEIREDO e Xulio PARDELLAS

4.-Estatísticas e cartografía para as cidades do Eixo. Gonzalo MÉNDEZ MARTÍNEZ e Esteban LÓPEZ FIGUEROA.

As conclusións do equipo redactor víronse enriquecidas polas achegas das persoas que interviron no congreso de Ourense, que contou coa presenza de  máis de 300 persoas que procedían dos dezaoito municipios que forman o pacto intermunicipal do Eixo Atlántico. A principal consistiu en mostrar que as cidades do Eixo Atlántico teñen capacidade para xestionar o desenvolvemento erorrexional.

O día 30 de marzo de 2005, despois da exposición por parte de oito membros do equipo de redacción, pasouse a un amplo debate para profundizar nalgúns aspectos enunciados polos redactores dos libros incluidos nos Segundos Estudos Estratéxicos do Eixo Atlántico.

En primeiro lugar, as conclusións fan referencia ás desigualdades entre o interior e o litoral. Indicouse desde os asistentes que as diferenzas aumentaron nos últimos dez anos a pesar de que os fondos europeos tiñan como obxectivos procurar a converxencia entre as zonas desfavorecidas e despoboadas do interior e as máis poboadas da costa. Igualmente, nalgúns municipios (como Viana do Castelo) do litoral obsérvanse diferenzas internas, que aumentan co tempo. Isto debe paliarse no caso do Eixo Atlántico con medidas de fomento de emprego e mellora da mobilidade da poboación do interior. Un caso relevante sería o fortalecemento do eixo Ferrol-Lugo-Monforte, para conectar o porto exterior ferrolán co porto seco da Terra de Lemos. Outro exemplo sería a potenciación de Bragança como capital das terras do de Tras-os-Montes.

Unha segunda conclusión salienta que as cidades do Eixo Atlántico poden xerar un desenvolvemento eurorrexional a través de catro estratexias complementarias: a) cooperación intermunicipal, b) integración política supralocal (mancomunidades), c) integración territorial (directrices territoriais comarcais e áreas funcionais metropolitanas), e d) participación sustentábel da sociedade co territorio (participación cidadá no planeamento). Insistiuse que unha expansión urbana con construción masiva de vivendas non é sustentábel, pois non da resposta á demanda de fogar para as familias novas e estraga unha gran cantidade de terreo para uso residencial non produtivo, pois máis de 20% das vivendas están baleiras.

Asemade, a participación cidadá suscitou un apaixonado debate entre os asistentes e os membros do equipo redactor. Repetiuse a idea de que a participación non impugna o sistema de partidos e democracia institucional, senón que aspira por medio dunha metodoloxía rigorosa a crear unha administración aberta ás expectativas e inquedanzas das e dos cidadáns. Isto xerou un comentario específico sobre as percepcións que teñen os veciños sobre o territorio de seu; ou sexa, sobre a identidade territorial. Neste senso falouse de evitar considerar o espazo rural como un museo etonolóxico, senón que debe ser considerado como un medio que ten dereito ao seu propio desenvolvemento. Por esta banda, ofrecéronse os exemplos do desenvolvemento dos concellos de Santa Comba Dão (distrito de Viseu), as aldeas de Mós e Figueiró en Fafe e Agra en Vieira do Minho.

Outro asunto que suscitou o interese dos asistentes foi a relación entre mobilidade e infraestruturas. Sinalouse que a mobilidade é previa ao deseño das infraestruturas, pois o que se observa é unha potenciación do tráfico rodoviario privado que non é sustentábel e contradí as directrices da Unión Europea sobre a promoción do transporte público. Neste aspecto o concepto fundamental que se desenvolveu foi o de intermodalidade, ou sexa a conexión do tráfico ferroviario, rodoviario, marítimo e aeroportuario nun único sistema de mobilidade. Isto ten implicacións prácticas: a) combinar nunca mesma estación o ferrocarril e o autobús, coordinando horarios; b)chegando o ferrocarril até os portos para favorecer o tráfico de mercadorías; c)conectando os aeroportos coas cidades a través de transporte público. Insistiuse que o plano e mobilidade debe formar parte da documentación dos planos xerais, pois estes sobrevaloran as infraestruturas sobre a mobilidade, que é diferente para cada espazo e grupos de idades.

Unha quinta conclusión salienta as novas tecnoloxías, pois supoñen un novo reto para as competencias municipais. O enorme retraso da eurorrexión respecto a Europa no uso das TIC (Tecnoloxía, Información e Comunicación) invita os concellos a adoptar medidas, como as que xa están en marcha co proxecto Wifi en Bragança ou a utilización gratuíta de inernet no caso do Porto. O concepto clave que se manexou foi a denominada fenda dixital, é dicir, a separación entre as persoas que non teñen acceso á sociedade da información e os que gozan das novas tecnoloxías.

Achegouse o aumento de compentencias dos concellos para facer fronte ás demandas da poboación, o cal implica un estudo e cambio dos programas de financiamento municipal. Subliñouse que os concellos de Galiza-Norte Portugal están a soportar unha serie de peticións dos veciños que supoñen entre o 15 e o 30% de déficit municipal para actividades que non son exclusivas dos concellos, pero aos que se lle ofrece resposta desde instancias municipais. Outro problema de financiamento municipal estriba na diferenza de fiscalidade entre os concellos limítrofes a unha gran cidade e o centro das áreas urbanas, porque neste caso teñen que soportar unha serie de servizos para unha poboación que vive en concellos periféricos

Por último, e como sétima conclusión, para o futuro existe unha coincidencia en apuntar a necesidade de vincular os proxectos do Eixo Atlántico coas directrices da administración autónomica e rexional e coas políticas de cada municipio. En concreto, falouse da necesidade de crear un Observatorio Estatístico e de análise supralocal que estivera relacionado co Sistema de Información Xeográfica que se debería implantar en cada concello. Insistiuse nas características do SIX: xestión, consulta e información integral do territorio.

O certo é que os Segundos Estudos Estratéxicos definiron un proxecto político de ordenamento territorial que terá un maior ou menor éxito en relación directa coa súa aplicación por parte das autoridades autonómicas e rexionais patrocinadoras do evento (Xunta de Galicia e Comissão de Coordinação e Desenvolvemento Regional do Norte de Portugal), así como tamén do seu desenvolvemento desde os poderes locais. En suma vai depender da capacidade da construcción dunha nova xeira de política eurorrexional, que aínda parece lonxe das expectativas do poder político e das arelas sociais. Un camiño que actualmente se xestiona a través de actividades, como os xogos do Eixo que reuniu a máis de 1.500 adolescentes no mes de xullo de 2005 en Compostela, ou a través de publicacións, como as que se indican a continuación.

Bibliografía Básica
 

COMISIÓN EUROPEA: Unidade da Europa, Solidariedade dos povos, diversidade dos territórios, Segundo relatório sobre a coesão económica e social,  Luxemburgo, Comunidades Europeas, 2001. Dous volumes e Anexo estatístico.
 
COMISIÓN EUROPEA: Construir nuestro futuro común: retos políticos y medios presupuestarios de la Unión ampliada 2007-2013, COM (2004) 101. En COMISION EUROPEA: Una nueva asociación para la cohesión. Tercer informe sobre la cohesión económica y social,  Luxemburgo, Comunidades Europeas, 2004.
HIDALGO CUÑARRO, José Manuel et al. Rutas arqueológicas. Vigo, Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, 2005.
NOGUEIRA, Mario e HIDALGO, J.M. (coord.) Museos do Eixo Atlántico, Vigo, Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, 2004.
PARDELLAS DE BLAS, Xulio (director) Plan de Infraestructuras do Eixo Atlántico, Vigo, Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e Deputación de Pontevedra, 2000.
PARDELLAS DE BLAS, Xulio (director) Abordagem á actividade turística nas cidades do Eixo Atlântico, Vigo, Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, 2002.

SOUTO GONZÁLEZ, Xosé M. ( coord.) Xeografía do Eixo Atlántico, Vigo, Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, 1999.

SOUTO GONZÁLEZ, Xosé M. ( coord.) A Historia no Eixo Atlántico, Vigo, Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, 1999.

SOUTO GONZÁLEZ, Xosé M. ( coord.) Planeamento estratéxico e mercadotecnia territorial, Vigo, Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, 2001

SOUTO GONZÁLEZ, Xosé M. e MARQUES, Raul Jorge ( coord.) Participación cidadá e desenvolvemento local no no Eixo Atlántico: Monforte e Chaves, Vigo, Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, 2003

Notas
 

1 Referímonos aos números 204, 268 e 327 de Biblio3W. Igualmente na revista Aracne no número 61 o lector pode atopar referencias da páxina web do Eixo Atlántico.

2 Os documentos fundacionais son os que se recollen na acta do Eixo Atlántico de Porto do 1 de abril de 1992.

3 Unha síntese destas relacións foi referida no meu artigo: “El camino portugués y el Eje Atlántico”, TORRES LUNA, MªP., PÉREZ ALBERTI,A. e LOIS GONZÁLEZ, R. Los caminos de Santiago y el Territorio. Congreso Internacional de Geografía, Santiago de Compostela, Xunta de Galiza, 1994, pp. 725-753.

4 Acta da Primeira Asamblea do Eixo Atlántico celebrada en Ourense o vinte de nomembro de 1992.

5 MARQUES, Raul. A organización política do territorio, en SOUTO GONZÁLEZ, X.M. (coordinación). A Historia no Eixo Atlántico, Vigo: Eixo Atlántico do Noroeste peninsular, 1999, páxinas 199-272, onde se recollen os resultados de 334 inquéritos realizados nas cidades do Eixo.

6Ourense, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo, Porto, Viana do Castelo, Vila Real, Chaves, Braga e Bragança.

7O día 24 de xaneiro de 1997 incorpóranse outros cinco municipios: Guimarães, Monforte de Lemos, Peso da Régua, Vila Nova de Gaia e Vilagarcia de Arousa.

8 O acordo asinado en Santiago estipula na primeira cláusula que o Eixo Atlántico formará parte da Comunidade de Traballo como membro de pleno dereito, mediante a súa participación nunha Comisión específica.

9Assinado en O Porriño, o 28 de Outubro de 2002, no ámbito da Iniciativa Comunitaria INTERREG IIIA.

10Para lograr este obxectivo o protocolo prevé a creación dun Laboratorio de Impacto asociado ao CTAG; a creación dun Centro de Enxeñeria e Desenvolvemento de Producto (CEDP); a promoción das capacidades tecnolóxicas, organizacionais e humanas das empresas do sector automóvel; a promoción de plataformas conxuntas de formación de recursos humanos; o desenvolvemento e cooperación de ferramentas de e-business entre o Norte de Portugal – Galiza.

11 Esta candidatura foi promovida pola asociación Ponte nas ondas! e apoiada polo goberno de Portugal e España. O acto de presentación ante a UNESCO celebrouse o día 18 de outubro de 2004 en París.

12 Os días 30 e 31 de marzo presentáronse no Auditorio  de Ourense os Segundo Estudos Estratéxicos. Ademais de concelleiros e alcaldes das 18 cidades do Eixo e autoridades políticas de Galiza e Norte de Portugal tamén asistiron representantes dos gobernos estatais de España e Portugal e do goberno da Unión Europea. Dado o carácter público do Congreso tamén asistiron perto de 200 persoas das universidades, sindicatos e organizacións sociais e culturais.
 

© Copyright: Xosé Manuel Souto González, 2005

© Copyright: Biblio3W, 2005

Ficha bibliográfica

 
SOUTO GONZÁLEZ, X. M. Euro-rexións e cidadaia no noroeste peninsular. Biblio 3W, Revista Bibliográfica de Geografía y Ciencias Sociales, Universidad de Barcelona, Vol. X, nº 605, 30  de septiembre de 2005. http://www.ub.es/geocrit/b3w-605.htm]. [ISSN 1138-9796].



Volver al índice de Biblio 3W


Volver al menú principal