Menú principal                                                                                                                                 Índice de Scripta Nova
 
Scripta Nova.
 Revista Electrónica de Geografía y Ciencias Sociales.
Universidad de Barcelona [ISSN 1138-9788] 
Nº 94 (20), 1 de agosto de 2001

MIGRACIÓN Y CAMBIO SOCIAL

Número extraordinario dedicado al III Coloquio Internacional de Geocrítica (Actas del Coloquio)

OS GALEGOS DE GUILDFORD. UNHA APROXIMACIÓN DENDE A XEOGRAFIA CULTURAL

Francisco José Armas Quintá
Doctorando en Xeografía
Universidad de Santiago de Compostela


Os Galegos de Guildford. Unha aproximación dende a xeografía cultural (Resumo)

Neste artigo exponse o que foi a emigración de galegos a Guildford (Surrey). Mediante a utilización dunha enquisa, pretendeuse coñecer cáles foron as vivencias dos emigrantes e estudiar deste xeito a emigración dende unha visión máis cualitativa.Téntase comparar con outras investigacións as distintas maneiras de enfocar os estudios sobre a emigración. O obxectivo é poñer en evidencia que os movementos migratorios conlevan algo máis que unha análise de datos, hai detrás vivencias e sentimentos que se deben de ter en conta. Como mostra disto, inclúio dous casos dos que entrevistei na miña visita a Guildford. Como conclusión citar o problema das segundas xeracións, que non desexan na maioría dos casos regresar a Galicia, a repercusión socioeconómica das remesas de diñeiro dos emigrantes así como unha probable afluencia de retornos ó xubilarse.

Palabras clave: emigración/ Europa Atlántica/ cultura/ análise cualitativo.


The Galician of Guildford. An approach from the cultural geography (Abstract)

In this article I will explain what happened when galician people migrated to Guildford (Surrey). Through an inquiry, I tried to know which were the experiences of the inmigrants and also to study migration from a most qualitative point of view.

My purpose is to compare the different ways os focusing the studies about migration with other investigations. The objective is to show that the migratory movements need something more than a data analysis, there are experiences and fealings behind that have to be taken into account. As a demonstration, I include two interviews that I made during in my stay in Guildford. As a conclussion I have to talk about the problem of the second generations, they don´t want to come back to Galicia in the majority of the cases. I also have to mention that the amounts of money sent by inmigrants have a great socioeconomical repercussion, as well as a probable afluency of returns when they get retired.

Key-words: migration/ Atlantic Europe/ culture/ qualitative analysis.


O artigo que aquí expoño forma parte do proxecto de tese de doutoramento que estou a desenvolver, tento poñer en relación o desenvolvemento urbanístico en Galicia e os movementos migratorios.

Quero xustificar o motivo polo que escollín analizar un tema relacionado coa emigración galega e en concreto, a emigración galega a Guildford (Surrey). A motivación básica que me levou a estudiar este tema é a presencia de familiares en Guildford, que a finais dos sesenta escolleron a vía da emigración, (concretamente a Inglaterra), igual que moitos outros galegos, co fin de buscar unha maior calidade de vida. Moitos destes emigrantes marchaban nun principio por un determinado período de tempo co fin de conseguir algúns cartos e logo invertilos en Galicia; nalgún negocio, como axuda para construir unha vivenda ou incluso a compra de terras para a posterior dedicación agrícola. Pero cando regresaban de novo a Galicia e vían cal era a realidade e as poucas espectativas que vían para seguir adiante, decidían de novo voltar a Inglaterra. Este feito púideno comprobar persoalmente coas enquisas que fixen a galegos residentes en Guildford na miña estancia en Inglaterra a finais do ano 1999.

Cando falamos do fenómeno da emigración, ben sexa nos movementos de poboación, nacionais ou internacionais, sóeselle asociar a este fenómeno un carácter cuantitativo. É moi frecuente cando empezamos a investigar neste tema, encontrar ademáis dos periodos e lugares de destino, interminables listados de números; saídas de persoas dende lugar de destino ata lugar de chegada, vía utilizada e un longo etcétera. Estamos a falar dun proceso que semella non ter seres humanos como base. Noméanse as causas ou posibles causas da partida e os periodos de maiores fluxos. Pero detrás destes listados de números hai persoas, con sentimentos, con vivencias, con inquitudes e con morriña. Desta maneira o obxectivo que pretendo acadar con este traballo é chegar ó perfil do emigrante, achegarme á persoa que tivo que deixar a súa terra e adentrarse nun mundo descoñecido. Coñecer as vivencias persoais que tiveron, cales foron as súas primeiras impresións, cómo pasaron os seus primeiros anos fóra da súa terra natal, etc.

Para a elaboración deste traballo, foi imprescincible contar con algúns conceptos básicos como o concepto de Europa Atlántica, Centro e Periferia, emigración, Xeografía Social e Xeografía Cultural. A temática deste traballo obriga dalgún xeito a telos presentes. Tanto a rexión de partida (Galicia) coma a de destino (SE de Inglaterra), están dentro do que se considera a Europa Atlántica. A Europa Atlántica, é un espacio con límites imprecisos, pero que conta cunha gran diversidade cultural, económica, étnica e lingüística; sería un espacio que iría dende o norte de Noruega (Trömso) ata o sur da Península Ibérica (Alxeciras, España), (Ferrás Sexto, 1996). O concepto da Europa Atlántica debe de madurar, como rexión non está recoñecido nin utilizado universalmente. Podemos asociar a Europa Atlántica como unha paisaxe de campos pechados ("bocage"), de pradeiras; a nivel de asentamentos rurais existe diversidade, convive a concentración e dispersión de pobos. Hai por unha parte mistura de pobos dispersos e campos pechados, pola outra un tipo de paisaxe de campos abertos ("openfield") e asentamentos concentrados, de terra labrada que predomina cara a Europa interior e do leste. Nos Países Baixos, os asentamentos son lineais, está a paisaxe de polders; créanse pobos rurais e logo repártense as terras entre os campesiños.

O concepto de Europa Atlántica é ambiguo, xa que ten significados variados para distintos autores. Aínda que sería necesario buscar unha definición precisa aínda non existe. Hai que dicir que é un espacio moi fragmentado.

No que se refíre ó concepto de emigración, defínese como o movemento de persoas dende un territorio dado cara outro fóra del. Distingue entre emigración interna, cando o emigrante non sae fóra do seu país, e emigración exterior ou internacional cando se cambia de país. (Diccionario de geografía, Madrid, Anaya,1986).

O outro diccionario consultado é o de R.J.Jhonston, Derek Gregory e David M. Smith. Neste caso defínese a emigración laboral como traballadores que emigran para atopar un empleo. A emigración pode ser temporal ou permanente e as distancias cortas ou longas, incluindo en casos movementos que traspasan fronteiras internacionais. Para comprender as diferencias entre a emigración laboral e outros tipos de migracións, dicir que na primeira, a principal motivación do individuo é a económica, a búsqueda dun salario mellor e un emprego máis seguro. A emigración laboral nos máis xoves é frecuentemente un movemento temporal mentres que nos sectores de poboación máis maduros poden dedicir asentarse permanentemente.

Neste estudio (a emigración galega a Guildford), analízanse os desprazamentos de poboación entre dúas rexións enmarcadas dentro da Europa Atlántica. Dende o punto de vista económico, Galicia é unha rexión periférica, maioritariamente rural e atrasada; por outra parte temos o SE de Inglaterra, pertencente ó conxunto do Centro; unha rexión desenvolvida e industrializada.

A xeografía social, trata as análisis dos fenómenos sociais no espacio. Aínda que nas últimas décadas variaron os seus enfoques, dependendo tamén dos autores vinculados a esta rama da xeografía, os movementos migratorios non deixan de ser un fenómeno social importante que traen numerosas consecuencias, tanto para as rexións de orixe coma para as de destino; dende o meu punto de vista é moita a relación entre a xeografía social e os movementos migratorios.

A xeografía cultural trata das actividades determinadas pola cultura e de forma especial, o impacto dos grupos culturais na explotación, morfoloxía e carácter da paisaxe. En certa medida, os desprazamentos de poboación entre dous países, da lugar a un intercambio de culturas; en cada rexión existen grupos humanos cuns modos de vida característicos e que se manifestan na paisaxe. Este intercambio de persoas, por unha parte supón un choque entre dúas culturas diferenciadas e que se verán obrigadas a convivir. Nestas liñas queda xustificado o interés do emprego de todos estes conceptos.

Este estudio, pode resultar interesante por varios motivos. Un deles é ver ata que punto poden influír as remesas dos emigrantes e o impacto no seu municipio de procedencia, (Ferrás Sexto, C.,1999a) aínda que non en tódolos casos o emigrante invirte os seus aforros alí donde procede, senón na compra de bens inmobles en cidades de maior dinamismo.

Outro dos motivos está vinculado á actitude dos emigrantes de cara ó seu posible retorno. Se a actitude de volver ó seu lugar de orixe é a maioritaria, tódalas aldeas e pobos que nun momento foron o escenario dun baleiramento demográfico, na actualidade invertiríase o proceso e acollerían a un número considerable de habitantes cos seus correspondentes impactos. Este proceso veríase acentuado se os fillos tomasen a decisión de regresar cos seus proxenitores. Deste xeito, moitas das aldeas que están na actualidade inmersas nun proceso de regresión demográfica, cambiarían a súa tendencia, e en maior medida se os emigrantes regresan cos fillos. Ante esta hipotética situación, deberíase tomar medidas en canto á rehabilitación e dotacións de servicios a estes espacios, ben sexan aldeas, ou pobos de maior tamaño para cubrir a demanda destes novos habitantes.

Ata este punto tentei explicar os obxectivos deste estudio así como a xustificación do mesmo. A continuación, a miña intención é mostrar as consecuencias do fenómeno da emigración, achegamento ós perfís dos emigrantes, cómo foi a súa partida, o sentimentos que os invadiron ó ver que se alonxaban da súa terra natal e se dirixían cara outra totalmente descoñecida.

Para afrontar este reto, partín da elaboración dunha enquisa. Con esta tratarei de expoñer cal é a súa forma de vida e cómo foi a súa integración coa poboación autóctona, cales foron os traballos que foron desempeñando dende que chegaron a Inglaterra, etc.

Para a elaboración da enquisa, desenvolvín varios puntos básicos que, ó meu xuizo son imprescindibles para alcanzar o obxectivo proposto. Son os seguintes: perfil demográfico, perfil socio-histórico da emigración, perfil económico, características da vivenda, ocio e tempo libre e perfil sociocultural. En cada un destes puntos propóñense unha serie de preguntas relacionadas co tema en cuestión.

No apartado do perfil demográfico figuran cuestións básicas, tales coma os datos da persoa enquisada e de compoñer unha unidade familiar, os datos dos restantes membros que a compoñen. No caso de ter fillos os estudios que están a realizar e de ter rematado, cales son. A finalidade destas preguntas é ver as características xerais das familias galegas que residen en Guildford.

No perfil sociohistórico da emigración, as preguntas teñen a finalidade de coñecer cales foron as causas que motivaron a súa partida, cales foron os motivos que tiveron máis peso para escoller a alternativa da emigración. Faise referencia á data na que partiron de Galicia, o motivo é a confirmación das datas de maior auxe da emigración galega, e neste caso a emigración cara Inglaterra. Tamén neste apartado se alude ó lugar de procedencia dos enquisados, cal é a provincia e o concello do que proceden. Deste xeito pretendín saber cales foron os concellos que se viron máis involucrados na emigración con destino a Inglaterra. Neste apartado pregunteille ós enquisados cales foron os factores que os levaron a viaxar a Inglaterra como país de destino; interesa ver cales foron as causas que máis influiron nos emigrantes para a elección do seu destino, se tiveron máis peso os factores económicos (boa situación no momento de partida do país de destino para conseguir traballo e mellorar a súa condición económica), ou se pola contra se valoraron máis os factores sociais; por exemplo que tivesen no país de destino (neste caso o Reino Unido), algún familiar que condicionase a súa decisión; algún amigo, etc., ou ben ámbolos factores ó mesmo tempo.

No caso de emigrantes no que o factor social tivo un peso importante, dirixíronse a Guildford directamente, e permanecen na actualidade nesta cidade; se o factor social tivo pouco peso en detrimento do factor económico, os emigrantes ían onde lles ofrecían un contrato de traballo, sen manifestar ningún tipo de preferencias. Logo, en función dese traballo (condicións laborais, salarios, etc.), quedaban máis ou menos tempo nesa cidade. Cando cambiaban de cidade viña a raíz dun cambio de traballo, en busca de mellores salarios e mellora da calidade de vida. Hai que ter en conta, no caso das parellas que emigraron dende Galicia xa casadas, a súa mobilidade era maior nos primeiros momentos debido á inexistencia dos fillos; o obxectivo era conseguir cada vez un mellor traballo, mellorar as súas condicións de vida, xa que nun inicio non eran as máis óptimas. Era frecuente que a empresa para a que traballaban lles proporcionase a vivenda. Normalmente eran casas onde vivían varias familias compartindo cociña, baños, etc.

Continuando co desenvolvemento do apartado adicado ó perfil sociohistórico da emigración, fanse unha serie de preguntas para coñecer cómo foi o curso da súa vida en canto ó traballo que desempeñaron, nos lugares e o tempo que estiveron neles e se regresaron nalgun momento da súa vida a Galicia con intención de quedarse. Se foi así, cál foi o a época e canto tempo estiveron en Galicia antes de voltar a Inglaterra, etc. Con todo este conxunto de preguntas, o que intento averiguar é ver cómo foi a traxectoria de cada un dos emigrantes ós que fixen a enquisa e facer unha valoración do que supón o fenómeno da emigración, que aínda que neste caso está concretado ó caso dos emigrantes galegos en Guildford, este modelo podería servir para a análise de movementos migratorios cara outros países, tomando distintas escalas das deste traballo.

Un dos temas de gran interés incluídos nesta enquisa é o tema dos fillos dos emigrantes, aspecto moi importante á hora de tomar as decisións de regresar a Galicia. A pesar de que a gran maioría dos emigrantes teñen decidido regresar a Galicia de forma definitiva unha vez se xubilen, non poden deixar de lado as súas relacións con Inglaterra, pois os fillos tamén teñen moi clara a súa postura e non coincide na maioría dos casos coa dos seus proxenitores. Naceron en Inglaterra e están adaptados a esa forma de vida, ó país, ambiente, amigos, e resultalles moi difícil afastarse del. As relacións que manteñen con Galicia son moi escasas, restrínsenxe a un par de semanas e como moito un mes ó ano. Para eles é un mundo estraño que non coñecen, ou senón moi superficialmente. Estamos así ante unha diverxencia: por unha parte, os pais desexan voltar ó país onde naceron, onde teñen os seus amigos da infancia, familia, vivencias e todo iso que se sente ó deixar a terra na que se nace; están nun país alleo ó que viñeron a traballar e gañar unha certa fortuna, na que a Galicia dos anos sesenta e setenta lles era incapaz de proporcianar. Pero pola outra parte están os fillos que representan a outra cara da moeda. Eles naceron e criáronse no país que para os seus pais é o país estraño, pero que para eles é o seu verdadeiro fogar; é o país no que naceron, no que fixeron amistades e que non queren abandoar, é a Galicia dos seus proxenitores. Para os fillos marcharse a Galicia, suporía o que foi para os país emigrar a Inglaterra. Todo este entramado fainos reflexionar da complexidade que conleva o fenómeno da emigración e que se adoita estudiar maioritariamente dun xeito cuantitativo.

No apartado adicado ó perfil económico, as preguntas que figuran na enquisa teñen como fin coñecer cal é a súa situación económica na actualidade e ver cal foi a evolución dende que se marcharon de Galicia, as dificultades polas que pasaron, a inversións do seu capital, etc. Este último aspecto resulta moi interesante, saber cal é a tendencia predominante no que se refire ás inversións, se invirten maioritariamente no país de destino ou no de orixe, así como as repercusións que elo conleva. Saber estas tendencias axudan a coñecer a probalidade dun posible retorno definitivo a Galicia.

No apartado adicado ás características da vivenda, as cuestións plantexadas na enquisa teñen como finalidade coñecer o nivel de vida que teñen os emigrantes e se se adaptan ás costumes da poboación autóctona.

No apartado das actividades de ocio e tempo libre, expóñense cuestións para coñecer como disfrutan as familias galegas o seu tempo de lecer, as actividades que levan a cabo, as viaxes que realizan, etc. Considerei moi importante indagar se existe na actualidade ou existiu en tempos algunha asociación cultural de galegos, así como se eran membros e participaban nas actividades que alí se organizaban. A este respecto tiven a oportunidade e a satisfacción de poder entrevistar a un dos presidentes do Centro Español de Guildford. Inclúio neste artigo dúas enquisas para mostrar as experiencias destes casos. Unha delas é o caso do que foi un dos presidentes do Centro Galego de Guildford, e no que se exporán as actividades que se organizaban dentro desta asociación cultural.

O último punto que compón a enquisa fai alusión ó perfil sociocultural. Un dos aspectos que se trata neste apartado é o idioma. Pareceume importante coñecer cal é o idioma que empregan cando falan cos fillos (galego, inglés, castelán). Polo que puiden obter do resultados das enquisas que fixen en Guildford, debo dicir que o idioma empregado entre os membros do matrimonio é case sempre o galego. Pero cando están cos fillos empregan normalmente o inglés ou ben unha mezcla de inglés e español, o que eles chaman "spanglish". O idioma que empregan cando se encontran galegos entre sí, o idioma empregado é, naturalmente, o galego.

Aclarado o tema da utilización do idioma, tamén considerei oportuno incluir na enquisa unha pregunta coa finalidade de coñecer cómo foi o primeiro contacto cun idioma totalmente descoñecido para eles, cal foi o nivel de dificultades que tiveron para conseguir entendelo e falalo, e se na actualidade son capaces de escribilo sen problemas.

Comentado ese último apartado, queda configurada a enquisa que elaborei para logo utilizala cos galegos residentes en Guildford.

Para a elaboración deste traballo foi necesario consultar os antecedentes bibliográficos que relacionados co tema, tanto sobre a emigración en xeral como máis específica, a emigración cara o Reino Unido. Respecto a esta última é obligado citar a Durán Villa que estudiou a emigración galega cara o Reino Unido. Ademáis deste autor, citar tamén a obra dun xornalista, Luis Menéndez e a súa obra vida e viaxes na Galeguidade. Por último citar un artigo publicado na revista Semata, (vol. 11); trátase dun estudio socioeconómico da emigración galega cara México na segunda metade so século XX, obra de Carlos Ferrás Sexto. Estas tres fontes tratan o tema da emigración dun xeito distinto.

No caso de Durán Villa, son pioneiros os seus estudios da emigración galega ó Reino Unido. Este autor toca aspectos tales coma a composición por sexo as saídas de poboación (Durán Villa, 1985), a estructura por idade dos emigrantes e o etado civil. Tamén adica un apartado para a análise da distribución espacial dos emigrantes, tendo en conta os lugares de destino e os lugares de procedencia. As conclusións que o autor extrae é a de ser unha emigración de claro signo urbano; importancia nos concellos de A coruña, Ferrol, Santiago, Ortigueira, etc. Tamén esta obra trata a normativa emigratoria do Reino Unido e a política social británica, esta última centrada na educación e na vivenda.

Outros dos aspectos ós que fai referencia é a actividade laboral da poboación galega emigrada (Durán Villa, 1985). O autor vai analizando por provincias a clasificación profesional dos emigrantes asistidos cara o Reino Unido, reflexándose unha evolución diferente en cada unha delas.

Outro dos puntos que trata son os envíos de capital, fai un estudio destes envíos de capital dos emigrantes españois e unha evolución da súa cuantificación, explicando as posibles causas das variacións de ditos envíos. Ata aquí queda explicado de maneira moi breve a análise que fai Durán Villa sobre o complexo tema da emigración, concretamente a emigración galega cara ó Reino Unido.

Outra das obras que consultei para a elaboración deste estudio foi a obra de Luis Menéndez, Vida e viaxes na Galeguidade. Pese que a temática é a mesma, xa que ámbolos dous autores tratan os avatares da emigración, teñen dous puntos de vista moi diferentes. Neste caso, o tema está tratado dende o punto de vista dun xornalista, Luis Menéndez. Nesta obra, o autor trata o tema da emigración de galegos cara calquera destino do mundo. A maneira en que estudiou este fenómeno é moi diferente á obra de Durán Villa. Non trata de cuantificar e estudiar de xeito pormenorizado os destinos dos emigrantes, os períodos, cuantías, normativas ás que estaban suxeitos, etc., senón que trata esta temática dende un punto de vista máis cualitativo, achegándose máis á vida dos emigrantes. Este traballo foi o resultado de numerosas viaxes que o autor fixo polos distintos continentes do mundo como xornalista, ligado ó traballo na TVG. Nestas viaxes, o autor preocúpase e interésase de maneira especial en cómo lles fora a vida a moitas das persoas que deixaran nalgún momento a súa terra natal para enfrontarse a unha nova vida e a un novo país por coñecer. Así, vai contando, froito desas viaxes como xornalista, cál fora a adaptación e os resultados que tiveran os emigrantes logo de escoller a vía da emigración para empezar unha nova vida. O autor céntrase de maneira especial nas experiencias dos emigrantes cando abandoaron Galicia, a longa viaxe que os separaba dun mundo no que deixaban ademáis do apego á terra onde se nace, a familia e as amistades. Hai que ter en conta que moitos deses pasaxeiros eran nenos de curta idade e que agora en contacto co autor, contan como foron eses días de navegación en principio e logo toda unha vida nun país para eles alleo, falamos de persoas que marcharon sendo moi nenos e levan uns trinta ou corenta anos sen voltar a Galicia.

En canto ó artigo publicado na revista Semata, (1999a) por Carlos Ferrás Sexto, trátase dun estudio da emigración galega cara México na segunda metade do século XX, dende un punto de vista social e económico. O autor artella o seu estudio en catro puntos. Unha introducción na que presenta cales son as metas que pretende acadar co seu estudio, logo tres capítulos nos que trata a historia do éxodo español a México e as súas características, os galegos na sociedade jalisciense actual e por último o impacto dos galego-mexicanos de Avión na Galicia actual.

A intención que manifesta o autor na introducción, é esbozar o perfil social, cultural e económico da colonia de galegos no estado mexicano de Jalisco. No referente á historia do éxodo español a México e as súas características, o autor fai unha evolución dos diferentes momentos da emigración cara México, dende o S. XIX ata a actualidade.

En canto á comunidade de galegos no estado de Jalisco, analiza o fluxo migratorio de galegos cara este estado mexicano que comenzou nos anos cincuenta deste siglo e continuou ininterrumpidamente ata converterse a comunidade galega, na máis numerosa de todas as comunidades españolas radicadas neste estado na actualidade. Debido á presencia do autor en Jalisco, conviviu e estudiou a comunidade galega, tanto dende o punto de vista social como económico. As actividades ás que se dedican estes galegos foron variando ó longo do tempo e coas novas xeracións. Os pioneiros partiron de negocios humildes, como pequenas cantinas, fondas ou talleres de carpintería. A segunda xeración foise especializando en empresas maiores coma redes de hoteis e moblerías. A terceira xeración é a máis beneficiada por contar cunha mellor preparación (nas universidades máis prestixiosas do Estado) e cunhas grandes acumulacións de capital.

No último apartado analiza os impactos xerados polos emigrantes mexicanos localizados no estado de Jalisco, nos seus municipios de procedencia. Esta é moi localizada, son os municipios de Avión e Beariz (Ourense). Así, nestes municipios pódense observar numerosas vivendas unifamiliares de luxo, pechadas durante o inverno pero que cobran vida coa chegada do verán e a época de vacacións. Os impactos que xeran os emigrantes tamén se deixa sentir nos respectivos municipios, xa que no verán ámbolos dous municipios (Avión e Beariz) duplican os seus habitantes. Á parte disto, estes municipios dependen totalmente das divisas da emigración, que se manifesta no elevado número de sucursais bancarias en relación co número de habitantes (9 oficinas bancarias para 1.200 hab.).

Este é un estudio máis do fenómeno da emigración aínda que con características moi diferenciadas dos outros dous estudios mencionados. Estamos ante un estudio específico dunha comunidade de emigrantes concreta. O estudio exhaustivo levouse a cabo gracias á convivencia por parte do autor con esta comunidade de galegos no estado de Jalisco.

Como apartado final deste artículo, creo que resultaría moi ilustrativo, ó menos dende o meu punto de vista incluir o resultado dun par de entrevistas con emigrantes galegos residentes en Guildford. Deste xeito quedará aínda máis patente que os movementos migratorios son algo máis que un cúmulo de datos, senón que detrás deles hai sentimentos, vivencias que creo que é moi importante coñecer.

Enquisa a María Granada Abelleira

María traballa na actualidade nunha empresa de pastelería na rúa North Street de Guildford. Por esta tenda de panadería-pastelería pasaban a diario unha morea de galegos ós que puiden enquisar. Teño que agradecerlle a súa axuda e interese, xa que foi moi importante para levar a cabo a miña labor investigadora en Guildford. Tiña pouco tempo libre, dende as cinco da mañá que abría a tenda non paraba un intre. Un día ó rematar a xornada laboral, puidemos conversar nun bar da North Street tomando unha pinta de cervexa.

María saíra de Galicia alá polo 1974, dende o municipio de Castro de Rey (Lugo). A diferencia doutros galegos, María decidiu emigrar a Inglaterra por probar algo distinto, non porque a necesidade a obligara. Era moi xove e ese afán de coñecer un país distinto e xente nova, levouna a tomar esa decisión. O motivo polo que escolleron Inglaterra como país de destino e en concreto, Guildford como cidade, debéuse a que tiña amigos que estaban xa nesta cidade. O que máis lle impresionou do país foi o idioma e a xente, que era moi educada e respectuosa. Nos primeiros meses e anos de estancia, o que máis botaba de menos era a familia e a comida e o que máis lle custou superar do país foi o idioma. En canto ós trámites, foi unha axencia quen llos arranxou e así conseguir un contrato de traballo, para poder entrar no país.

O primeiro traballo que tivo en Guildford foi nun hospital durante uns catro anos facendo a limpieza. Logo estivo nun hotel dous anos; o seguinte traballo é o que ten actualmente, de encargada nunha pastelería. No que se refire á frecuencia coa que María visita Galicia, é de tódolos anos cunha duración de catro semanas. Dende que veu procura visitar Galicia tódolos anos durante o verán. Tardou tres anos en volver dende que emigrou a Guildford no 1974.

María cando decidiu emigrar estaba casada, emigraron os dous a Guildford e os dous traballaban no hospital facendo as labores de limpeza. Vivían os dous nunha habitación dun piso alugado. O tempo que tardou en mercar a súa propia vivenda foron doce anos.

Na análise do perfil económico, María traballa para unha empresa e ten ó seu cargo oito traballadores. As inversións que fixo en Inglaterra, redúcense á compra da vivenda e do coche. En Galicia as inversións máis importantes que fixo foi na compra de dous solares.

As características da súa vivenda en Inglaterra son as seguintes. Trátase dun piso duns cen m2 aproximadamente e con xardín comunal. O piso ten dúas habitacións, comedor, salón e un cuarto de baño. O tipo de piso é a moqueta (moi común, ó menos en Guildford). O coche é a segunda inversión máis importante que fixo seguido da vivenda.

No que se refire ó ocio e tempo libre, as actividades son escasas. Moito do seu tempo libre emprégao en facer as labores do fogar, lavar a roupa, pasar o ferro, etc. (que dubidosamente o poderíamos incluir en actividades relacionadas co ocio, (ó menos isto é o que eu penso). O máis frecuente, sobre todo no inverno, para divertirse sae polas noites e failles visitas a algúns amigos. En canto á súa participación en algunha asociación cultural, María é socia da Asociación Española de Woking, nesta fanse xuntanzas unha vez cada mes e organízanse bailes, comidas, etc. Cando chega a hora das vacacións non dubida en emprender a viaxe cara Galicia.

No que se refire ó perfil sociocultural, o idioma que emprega habitualmete é o inglés, xa que llo esixe o seu traballo. Iso sí, cando se encontra con outro galego emprega o galego. Na actualidade María domina o Inglés falado e escrito. A imaxe que ten de Galicia é moi positiva, moito mellor que cando marchou para Inglaterra.

A modo de conclusión o máis destacable é que a súa mobilidade foi escasa. Foi directamente a Guildford sen pasar por ningunha outra cidade, os traballos polos que pasou antes foron só dous. Outro dato de interés é que veu por experimentar algo novo e non porque lle fixera falla. A súa situación socioeconómica podemos dicir que é relativamente boa pese a que non invertiu moito diñeiro en Inglaterra (salvo a compra da vivenda). Con este pequeno resumo dou por concluída esta experiencia.

Entrevista con José Gómez

Teño que dicir que esta foi unha das enquisas das que máis me agradou facer e con unha das persoas que collín máis confianza. A José coñecino por María (entrevista anterior). José (ou Pepe, como habitualmente o chamaban), tamén traballaba para a mesma empresa que María.

Pepe traballaba como repartidor, suministrando de mercancía ás pastelerías de Guildford. Para entrevistalo, a mellor maneira era acompañalo na súa durante a súa ruta. Pepe mentres conducía íame dando os seus datos, onde vivía, cantos anos tiña él e a súa muller, cantos fillos tiña, etc. Cando lle preguntei porqué emigrara a Inglaterra, Pepe respondeume que non lle gustaba traballar na terra, era o traballo que máis abundaba e non se gañaba nada. Marchou de Galicia no ano 1967 dende o municipio coruñés de Ordes. Os papeis que necesitaba para entrar en Inglaterra arranxoullos unha axencia da Coruña. Pepe pedira á axencia os permisos para poder emigrar a Alemania e Inglaterra. O fin emigrou a Inglaterra porque lle chegou antes este permiso que o de Alemania. Pero a verdade é que Pepe antes disto quería marchar para Arxentina xa que tiña alí unha irmá maior, pero era menor de idade e non puido ir. Unha vez que alcanzou a maioría de idade e feito o servicio militar, emigrou a Inglaterra.

En canto ó destino, a primeira cidade na que estivo foi en Brighton, situada na costa sur de Inglaterra (entre Southampton e Dover). Aquí estivo servindo nun colexio, dando a comida ós rapaces durante un ano. O seu seguinte destino foi Frimley traballando nunha escola durante tres anos. A continuación foi xa a Guildford no ano 1971. O seu primeiro traballo en Guildford foi nuha leitería, manexando unhas máquinas; estivo neste traballo dende 1971 ata 1984, estaba contento co traballo que facía; marchou dese traballo porque pechou a factoría para a que traballaba. No ano 1984 empezou como repartidor na empresa para a que traballa na actualidade.

Cando lle preguntei cales eran as cousas que máis botara en falta de Galicia nos primeiros anos, a súa resposta foi por unha parte a familia e os amigos, e pola outra a comida; dicía que cando emigrara a Inglaterra as comidas eran como é natural as típicas inglesas ás que lle custou afacerse, non coma na actualidade que se pode atopar de todo nos supermercados. O que máis lle custou superar do país foi o idioma, primeiro falalo e entendelo e logo escribilo.

Pepe emigrou a Inglaterra estando solteiro. Dende que saíu tardou tres anos en volver a Galicia. Pero da segunda vez que volveu, no 1972 foi cando casou. A súa muller, ó casar con Pepe emigrou tamén a Inglaterra e empezou a traballar nun hospital en Guildford; aínda segue traballando nese emprego na actualidade. No que se refire á vivenda na que estaban cando marcharon os dous para Inglaterra, nun principio vivían cun matrimonio italiano pagando unha parte do alquiler da vivenda ata que compraron a súa propia casa no ano 1979.

No que se refire á frecuencia coa que volve a Galicia, Pepe contestoume que mentres lle viviron os pais ía a Galicia tódolos anos, na actualidade vai cada dous. Cando lle preguntei se pensaba volver a Galicia definitivamente, Pepe contestoume decididamente que voltaría a Galicia unha vez que se xubilase independientemente da decisión que tomasen os fillos, aínda que como era normal voltaría a visitalos de vez en cando.

As preguntas adicadas ó perfil económico, as fontes de ingreso son o froito do soldo dos dous menbros do matrimonio. Ademais deles, tamén traballan as súas dúas fillas, que xa son independentes. En canto ás inversións feitas en Inglaterra e Galicia, en Inglaterra a inversión máis importante que fixeron foi a da casa e secundariamente o coche; en Galicia compraron un piso en Betanzos (A Coruña).

No que se refire ás características da vivenda, trátase dunha casa adosada duns oitenta m2 aproximadamente, con tres habitacións, dous cuartos de baño, salón, comedor, todo con piso cuberto de moqueta e con calefación de gas natural canalizado. A vivenda ten un xardín pola parte traseira pero que non cultivan nada nel.

No apartado que trata o tema do ocio e o tempo libre, o que soen facer a fin de semana é, se se trata do inverno visitar a algún amigo e pouco máis; no verán ás veces van á praia á costa sur inglesa. Ademais nesta época do ano van de vacacións ó sur de España, ben sexa a Marbella, Canarias, etc. Foi unha vez a Arxentina con motivo de visitar á súa irmá.

Na pregunta referida a se pertencen a algunha asociación cultural, eran os dous socios do centro español de Guildford do cal foi Pepe presidente durante tres anos. Neste punto detereime un pouco máis, xa que o ser él presidente púidome contar dunha maneira máis detallada o funcionamento deste centro. Pepe contoume que o primeiro domingo de cada mes, organizábase unha xuntanza (mellor chamarlle festa), invitábanse a tódolos socios aínda que podía asistir quen quisexe, previo o pago dunha entrada. Nestas festas contratábase un grupo (senón poñían discos) e dábase algo de comer (pinchos). Este centro de emigrantes español fundouse en 1974 e deixou de existir en 1997. Para organizar estas festas, os membros da directiva tiñan que organizar todo, dende buscar un local (que o alugaban para a ocasión e que normalmente solía ser o mesmo) ata a contratación dos grupos, a comida, e logo recoller todo de novo. Para os socios tíñase estipulada unha cota determinada e para os que non eran socios e quisexen participar na festa cobrábaselles a entrada. A cota que se pagaba nun principio para ser socio deste centro de emigrantes era de cinco libras e últimamente dez. No nadal organizábase unha cea para tódolos socios co fondo que xuntaban, o único que debían de pagar era o viño. Nestas reunións de emigrantes chegaban a xuntarse unhas setecentas ou oitocentas persoas. Neste centro tamén se chegou a ter un equipo de fútbol chamado "Spanish Cosmos" que durou uns doce anos; este fundouse entorno ó ano 1976 e desfíxose no 1992.

Cando se fundou este equipo de fútbol os seus membros eran os propios emigrantes. Conforme foron pasando os anos, os fillos destes fóronse incorporando ó equipo e relevando dalgún xeito a esa primeira xeración. Pero este equipo de fútbol desapareceu porque os fillos destes fórono deixando. Tamén existía no seo do centro de emigrantes un grupo de baile galego e que saían a actuar por distintas cidades, ó mesmo Londres, Reading, Woking, etc. Non cobraban senón que facían intercambios coas cidades onde actuaban. Este grupo de baile permaneceu ata que desapareceu o centro de emigrantes. En canto á evolución deste centro de emigrantes, é loxico que seguise ese ritmo descendente xa que foi o mesmo que seguiu a colonia de emigrantes galegos en Guildford. No momento de pleno auxe do centro de emigrantes, a mediados dos setenta e principios dos oitenta, coincidía co máximo de emigrantes na cidade de Guildford (e tamén no resto de Inglaterra). Logo moitos destes galegos regresaron a Galicia, o número de galegos en Guildford foi minguando así coma as ganas de facer cousas a este respecto (maior idade dos emigrantes). Dende o meu punto de vista, cada vez máis estes emigrantes teñen máis en mente volver a Galicia que todo o relacionado con Inglaterra salvo o traballo.

No que se refire ó perfil sociocultural, o idioma que empregan é o galego entre o matrimonio, e o español cos fillos. Custoulles moito aprender o idioma e cando chegaron a Inglaterra, a maneira de comunicarse cos británicos era mediante señas. Pepe contoume que cando eles marcharan a Inglaterra, había aínda moi poucos galegos, así que tiveron que aprender o inglés para poder comunicarse. En anos sucesivos, a medida que o número de galegos aumentaba e estes ían aprendendo o idioma, axudaban e ensinaban a outros galegos que se incorporaban a esta crecente colonia. Na actualidade os dous dominan o inglés falado e escrito.

Este foi o resultado desta última enquisa, que no seu momento rematou canda o recorrido rutinario que Pepe facía cada día. Soamente se vía interrumpida polas veces que Pepe se baixaba para entregar a mercancía, foi a dicir verdade unha experiencia moi gratificante.
 

Bibliografía

DURÁN VILLA, F.R.: La Emigración gallega al Reino Unido. Santiago de Compostela: U.S.C., Caixa Galicia, 1985.

DURÁN VILLA, F.R.: La emigración gallega al Reino Unido.  Santiago de Compostela: U.S.C. Tese de doutoramento, 1997. Universidade de Santiago.

FERRÁS SEXTO, C.: Cambio rural na Europa Atlántica: os casos de Irlanda e Galicia. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago. Xunta de Galicia,  1996.

FERRÁS SEXTO, C.: Desde Avión para Jalisco. Historia y perfil socioeconómico de la emigración gallega hacia Mexico en la segunda mitad del S. XX. Semacata, ciencias sociais e humanidades, vol. 11, 1999 p. 381-394.

FERRÁS SEXTO, C.: Breve aproximación a los criterios de caracterización regional de la Europa Atlántica. Actas VIII Coloquio Ibérico Geografía, Lisboa, 1999, p. 724-728. (1999b).

O´FLANAGAN, P.: Xeografía histórica de Galicia. Vigo: Xerais,  1996.

MENÉNDEZ VILLALBA, L.: Vida e viaxes na Galeguidade. Xunta de Galicia, 1997.

VV.AA. Bravú, nº2, A Coruña.

VV.AA. Diccionario de geografía. Madrid: Anaya, 1986.

JOHNSTON, R.J., GREGORY, Dereck, SMITH M,  David. Diccionario de geografía humana. Madrid: Alianza, 1996.
 

© Copyright: Francisco José Armas Quintá, 2001
© Copyright: Scripta Nova, 2001



Volver al principio de la página

Menú principal